Ir o contido principal

Un documental e un debate lembran este xoves en Formación do Profesorado vivencias das escolas rurais despois da República

A actividade, organizada pola Asociación IV Ciclo Universitario do campus de Lugo, comezará ás 19.15 horas, no salón de actos da facultade e a entrada e libre e de balde

A Asociación IV Ciclo Universitario do campus de Lugo organiza este xoves, día 13 de marzo, a partir das 19.15 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado, unha xornada sobre as maestras da República e a situación posterior na que se atopaban as escolas rurais.

A xornada comezará coa proxección do documental ‘Las maestras de la República’, unba obra cinematográfica con guión e dirección de Pilar Pérez Solano merecedora dun Premio Goya en 2014. Ao remate da proxección, desenvolverase no mesmo escenario un coloquio sobre a situación das escolas rurais da provincia de Lugo tres décadas despois da República. Este coloquio, que estará moderado pola profesora da USC Ana Cabana, inclúe os testemuños de catro alumnas do IV Ciclo Universitario que desenvolveron labores docentes en distintas escolas rurais da provincia luguesa entre os anos 50 e 60 do pasado século XX. Dolores Pumariño Vilela, que desde 1958 foi mestra nas escolas de Torviso de Carballido (A Fonsagrada), Fonteo (O Cádavo) e Quiroga; Concepción Cedrón Pacios, que desde 1961 atendeu as escolas rurais de Corbelle (A Pastoriza), Rao (Navia de Suarna) e A Balsa (Triacastela); Aurelia Luna Rodríguez, mestra desde 1963 en San Miguel de Cervantes, Navallos (Ribeira de Piquín), Arquide-Trobo (A Fonsagrada) e Barcia (Santa Eulalia de Oscos), e Guadalupe Cruz Barreiro, quen desenvolveu desde 1965 cometidos docentes en escolas rurais do Courel, Guitiriz, Becerreá e na Fonsagrada, comentarán algunhas das vivencias experimentadas nas escolas rurais ao longo da súa traxectoria profesional como mestras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2014.