Ir o contido principal

Unha eclipse lunar prodúcese este sábado de 20.00 a 00.23 horas

A foto adxunta representa unha simulación de como se vería no máximo da eclipse a Lúa parcialmente eclipsada este sábado. FONTE: Stellarium
A foto adxunta representa unha simulación de como se vería no máximo da eclipse a Lúa parcialmente eclipsada este sábado. FONTE: Stellarium
Se as condicións meteorolóxicas o permiten sería observable tanto a simple vista como co uso de prismáticos ou telescopios

Entre as 20.00 e as 00.23 horas deste sábado 28 terá lugar unha eclipse lunar con fases penumbra e parcial, aínda que esta de baixa magnitude. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, a fase parcial, que é a única que poderá percibirse, vaise producir entre as 21.33 e as 22.50, sendo o máximo ás 22.11 momento no cal o 12% do diámetro solar estará oculto pola sombra da Terra.

O planeta Terra ao ser iluminado polo Sol proxecta tras de si dous conos. Un deles formado polas tanxentes interiores aos discos do Sol e da Terra, que é o cono de penumbra, e o outro xerado polas tanxentes exteriores a ditos discos, que se chama o cono de sombra. Mentres que o primeiro se vai abrindo detrás da Terra, ao de sombra sucédelle o contrario. Por esta razón o cono de sombra ten unha sección menor que o de penumbra, aclara o profesor Docobo.

Cando se produce unha eclipse de Lúa, “o noso satélite ten que atoparse necesariamente na fase de Lúa chea, de tal xeito que esta comeza a entrar en primeiro lugar no cono de penumbra (fase penumbral). Se logo se introduce no cono de sombra (como no caso deste sábado), iníciase a fase parcial. A eclipse sería total se a Lúa chega a introducirse completamente no cono de sombra, que non vai ser o caso deste sábado 28” aclara o director do Observatorio da USC.

Se ben a observación do fenómeno vai estar condicionada polas condicións meteorolóxicas de cada zona, de poder ser contemplado “non é precisa ningunha protección ocular, podéndose seguir tanto a simple vista como co uso de prismáticos ou telescopios” indica José Ángel Docobo.

O propio astrónomo recupera a reflexión de Ramón María Aller quen no seu libro Introducción a la Astronomía sinalaba que "En cada 223 lunacións teñen lugar, por termo medio, unhas 70 eclipses, das cales son de Lúa, en xeral, 29 e de Sol, 41. Tamén, polo regular, entre as 41 de Sol, son totais 10, anelares 17 e parciais 14. O mínimo número de eclipses nun ano é de dous; cando isto acontece ambas son de Sol. O número máximo de eclipses nun ano é de sete, e entón polo menos catro son de Sol". Neste senso, o director do Observatorio universitario especifica que concretamente este ano 2023 vai haber dúas de Sol e outras dúas de Lúa.

A gran diferenza entre as eclipses de Sol e as de Lúa, é que “as primeiras só se poden ver nunha franxa da Terra inferior a 200 km aproximadamente, en tanto que nas de Lúa chega con que o noso satélite estea por riba do horizonte. Isto explica por que para un mesmo lugar se ven moitas máis eclipses de Lúa que de Sol” engade o astrónomo.

A última eclipse de Sol total que tivo lugar na Península produciuse en 1912  e a súa liña de centralidade pasara por Verín e mais polo Barco de Valdeorras.  O 3 de outubro de 2005 houbera unha eclipse anelar de Sol que se puido observar perfectamente dadas as boas condicións meteorolóxicas. O profesor Docobo explica que “porén nos vindeiros anos haberá a posibilidade de observar varias eclipses solares dende distintos puntos de España. Concretamente a  eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026 se poderá seguir dende o norte e leste de Galicia”. Ademais, a próxima eclipse total de Lúa acontecerá o 14 de marzo de 2025.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2023.