Ir o contido principal

Un encontro interdisciplinar analiza o papel da muller na historia de Galicia

As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición antes do vindeiro mércores 30

As persoas interesadas na presenza e a realidade das mulleres na historia, na arte e na literatura de Galicia teñen a oportunidade de afondar nestes temas no I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero ‘As mulleres na Historia de Galicia’, que terá lugar os vindeiros 6, 7 e 8 de abril no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. O congreso está dirixido a estudantes universitarios, profesores ensino medio e público en xeral, que deben formalizar a súa inscrición antes do vindeiro 30 de marzo. Trátase dun encontro de 30 horas de duración, que se articula a través de dezanove conferencias impartidas por especialistas na materia e dezaoito comunicacións que complementarán a visión das anteriores. Un grupo de bolseiros do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC, baixo a dirección da profesora María del Carmen Rodríguez González, organiza o encontro, por cuxa participación os participantes poderán obter un crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC. O I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero ten por obxecto contribuír ao debate sobre a condición feminina nos diferentes períodos históricos, afondar no coñecemento dos roles sociais, públicos e privados, que desempeñaron as mulleres na historia e reivindicar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres na sociedade actual. Para máis información pode consultarse a web http://mulleresnahistoria.blogspot.com e por correo electrónico xornadastriada [at] gmail.com (xornadastriada[at]gmail[dot]com).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2011.