Os Encontros na zona USC 2014 achegan a Universidade de Santiago a máis de 2.000 estudantes de secundaria de toda Galicia
Un total de 2.200 alumnos/as de 42 centros de ensino secundario de toda Galicia visitarán esta semana o campus de Compostela dentro dos ‘Encontros na zona USC 2014’. Trátase dunha iniciativa na que o programa ‘A Ponte’ pretende achegar ao estudantado de ensino medio os estudos nos que poidan estar interesados/as mostrándolle as materias coas que se van atopar así como as posibles saídas profesionais das titulacións. As visitas comezarán este martes 18 e continuarán o mércores 19 e o venres 21. A través dos Encontros na zona USC, o alumnado ten a posibilidade de coñecer as instalacións onde se imparte a titulación así como asistir a unha clase co alumnado de 1º curso e, nalgún caso particular, visitar os laboratorios de clases prácticas. Nestas visitas, ademais dos responsables dos centros participan os titores de 1º curso que serán os encargados de dirixir a visita polos campus e comentarlles a súas vivencias na USC. Están deseñados dous itinerarios que percorrerán a partir das 10.45 horas os centros do Campus Norte así como de Campus Vida. No primeiro caso, con saída na Residencia Burgo das Nacións, están programadas visitas a Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía. En Campus Vida, con saída dende a Residencia Monte da Condesa, realizaranse visitas a Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Enxeñaría Química; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Enxeñaría Informática; Matemáticas e Física; Física e Enxeñaría Informática; Óptica e Optometría; Psicoloxía e Ciencias da Educación. As visitas completaranse na sesión da tarde coa posibilidade de visitar o Patrimonio Histórico, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, as Residencias Universitarias e a Cidade da Cultura.