Ir o contido principal

Entregados os premios que recoñecen a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación

As personas premiadas co reitor no Salón de Grados
As personas premiadas co reitor no Salón de Grados
Esta edición gañárona proxectos das facultades de Relacións Laborais e de Ciencias Económicas e Empresariais

Os Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación que este ano chegaron á súa sexta edición entregáronse hoxe en San Xerome nunha cerimonia que presidiu o reitor da USC. Das accións innovadoras na docencia, fíxose co primeiro premio a presentada por Carmen Sánchez Carreira e Pedro Varela Vázquez, de Ciencias Económicas e Empresariais, que reflicte a experiencia de incluír a perspectiva de xénero na materia ‘Estrutura Económica Mundial II: Desenvolvemento Económico’. Dos traballos de investigación presentados resultou gañador ‘Steel Barrier: Legal implications from a gender equal opportunity perspective’ das profesoras da Facultade de Relacións Laborais María Bastida Domínguez e Silvia Moscoso Ruibal.

Como manifestou Juan Viaño na cerimonia de entrega, os traballos premiados representan “ excelentes exemplos dos avances na extensión de forma transversal desta perspectiva no só na actividade docente, senón do peso que está a adquirir en diversos grupos de investigación de distintas áreas de coñecemento e que nos permitirán dar resposta aos requirimentos en convocatorias como as do Programa Horizonte 2020, nos que se promove a dimensión de xénero no contido da investigación e a innovación”.

Máis galardóns
Os segundos premios recaeron no proxecto docente ‘A imaxe corporal da muller na sociedade actual. Unha mirada desde as artes’, de Carmen Franco Vázquez e Carol Jean Gillanders, e na investigación ‘Vendedoras de barro. Mujeres rurales y los límites de «lo doméstico» a mediados del siglo XX’, de Elena Freire Paz e Ana Cabana Iglesia.

Pola súa banda, a iniciativa ‘A introdución da perspectiva de xénero na Química a través da Táboa Periódica’ foi recoñecida co terceiro premio na categoría de docencia. Asinan esta acción Ana Mª González Noya, Manuel R. Bermejo Patiño, Rosa M. Pedrido Castiñeiras, María J. Romero Castro, Xoana Pintos Barral, M. Inés García Seijo, Mª Isabel Fernández García, Esther Gómez Fórneas, Marcelino Maneiro Maneiro e Laura Rodríguez Silva.

A investigación ‘O xénero como determinante dos investimentos financeiros’ de Sara Fernández López, Lucía Rey Ares e Milagros Vivel Búa acadou o terceiro premio na modalidade investigadora.

Unha universidade pioneira
A USC foi pioneira na creación en 2006 dunha Oficina de Igualdade de Xénero e na aprobación dun I Plan de Igualdade da USC en 2009. Esta aposta decidida pola defensa da igualdade de xénero consolidouse ademais coa aprobación en 2013 do II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes.

Os Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación diríxense a membros e equipos de PDI da USC, que deben presentar iniciativas desenvolvidas na USC nos últimos tres anos. No acto deste mércores interviñeron tamén a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, gañadora dun destes premios na edición pasada; e a coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Eva Aguayo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2015.