Nova Escola Galega presenta en Formación do Profesorado o libro ‘A educación: dereito ou mercadoría?’
A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo acubillará o vindeiro luns, día 10 de marzo, a partir das 18.00 horas, a presentación do libro ‘A educación: dereito ou mercadoría?’, unha obra colectiva coordinada pola presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Candedo.
O volume ‘A educación: dereito ou mercadoría?’ compila reflexións de membros do colectivo galego de renovación pedagóxica Nova Escola Galega sobre o transfondo dos modelos educativos e sobre a organización do ensino nun contexto lexislativo desfavorable para principios pedagóxicos como comprensividade, democracia, equidade, crítica e transformación, obxectivos que, cando menos na teoría, perseguía o sistema educativo ata o momento. O profesor da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Francisco Xosé Candia, será o encargado de moderar a presentación deste novo libro nun acto no que a propia presidenta de Nova Escola Galego porá de manifesto a pertinencia da pregunta que da título a este libro no contexto aberto trala recente aprobación da Lomce. Xosé Ramos e Carme Díaz Simón, como coautores do libro, tamén intervirán no acto de presentación deste volume, cuxos contidos abordan algúns dos cambios máis significativos que vai introducir a nova reforma educativa.