Ir o contido principal

O Espazo de Fotografía comeza a súa programación de cursos do segundo semestre

O alumnado poderá recibir un crédito ECTS por cada 25 horas

O Espazo de Fotografía ofertará para este segundo semestre do curso unha serie de cursos e monográficos sobre a fotografía como técnica e manifestación artística. En quendas de mañá e tarde nalgúns dos cursos propostos, as sesións celebraranse na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. O alumnado de grao que se matricule nalgunha das xornadas propostas e asista ao 80% das horas lectivas poderá recibir un crédito ECTS por cada 25 horas cursadas.

A programación arrancará neste próximo mes de febreiro cun curso sobre conceptos visuais e composición e continuará cun monográfico sobre procesos creativos en fotografía. Xa entre marzo e abril haberá opción de coñecer as tendencias e escolas contemporáneas de fotografía, partido da súa consideración artística, ao tempo que se revisarán distintos elementos da teoría fotográfica como a crítica, os teóricos, a edición e os soportes.

Entre abril e maio está programado un monográfico dedicado á iluminación, tanto a de luz natural como a utilización do flash, e outro monográfico sobre street photography, a celebrar ao longo de cinco sesións en maio. Todo estes cursos celebraranse en horario de tarde, de 19.00 a 21.00 horas na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais.

En quenda de mañá, de 10.00 a 12.00 horas, está programado un curso de técnica básica e control da cámara, técnica avanzada e autores relevantes e conceptos visuais e composición. Para acadar máis información sobre esta programación, as persoas interesadas poden dirixirse á Área de Cultura da USC, no edificio da Reitoría (Colexio de San Xerome), ou nos teléfonos 881.811.018 e 881.811.103.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2016.