Ir o contido principal

O Espazo de Fotografía prosegue coa súa programación de cursos do segundo semestre, convalidables por créditos

Foto: Fuco Reyes
Foto: Fuco Reyes
O alumnado poderá recibir un crédito ECTS por cada 25 horas

Continuando coa súa programación formativa, o Espazo de Fotografía da USC oferta para este segundo semestre do curso unha serie de cursos e monográficos sobre a fotografía como técnica e manifestación artística. En quendas de mañá e tarde nalgúns dos cursos propostos, as sesións celebraranse na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. O alumnado de grao que se matricule nalgunha das xornadas propostas e asista ao 80% das horas lectivas poderá recibir un crédito ECTS por cada 25 horas cursadas.

A programación comezou este mes cun curso sobre conceptos visuais e composición e continuará cun monográfico sobre procesos creativos en fotografía. Xa entre marzo e abril haberá a opción de coñecer as tendencias e escolas contemporáneas de fotografía, partido da súa consideración artística, ao tempo que se revisarán distintos elementos da teoría fotográfica como a crítica, os teóricos, a edición e os soportes.

Entre abril e maio está programado un monográfico dedicado á iluminación, tanto a de luz natural como a utilización do flash, e outro sobre street photography, a celebrar ao longo de cinco sesións en maio. Todos estes cursos celebraranse en horario de tarde, de 19.00 a 21.00 horas.

Xa en quenda de mañá, de 10.00 a 12.00 horas, está programado en febreiro un curso de técnica básica e control da cámara, outro de técnica avanzada e autores relevantes para marzo e un último sobre conceptos visuais e composición a desenvolver en abril e maio.

Para acadar máis información sobre esta programación, as persoas interesadas poden dirixirse á Área de Cultura da USC, no edificio da Reitoría (Colexio de San Xerome), ou nos teléfonos 881.811.018 e 881.811.103.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2016.