Ir o contido principal

Espazos virtuais creativos para unha docencia verde e sen fronteiras

O eido dixital centra gran parte dos proxectos que se están a executar en Ciencias da Educación. FOTO: Santi Alvite
O eido dixital centra gran parte dos proxectos que se están a executar en Ciencias da Educación. FOTO: Santi Alvite
O turismo sustentable, a experimentación virtual e a alfabetización dixital son os eidos nos que actúan os tres novos proxectos de investigación que Ciencias da Educación executará ao abeiro do Programa Erasmus+
Santiago de Compostela

Investigadores de Ciencias da Educación buscarán sinerxías nos eidos do respecto polo medio ambiente, a experimentación en contornas virtuais ou na alfabetización dixital. Cada un destes ámbitos de traballo correspóndense con outros tantos proxectos que o programa Erasmus+ financiará nos vindeiros anos con máis de 650.000 euros. Os grupos de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) e en Tecnoloxía Educativa (Tecnoeduc) acaban de ser beneficiarios de tres proxectos ao abeiro das modalidades correspondentes a ‘Asociacións para a Preparación para a Educación Dixital no sector da Educación Escolar’ (KA226) e ‘Asociacións para a Creatividade no sector da Educación Escolar’ (KA227). 

Con estas tres novas concesións, a actividade investigadora en Ciencias da Educación vese novamente recoñecida xa que mantén en vigor outros doce proxectos, actuando a USC como entidade coordinadora en dous deles. En total, a institución compostelá xestiona a través destas doce iniciativas máis de 665.000 euros, o cal implica que grazas á incorporación destes tres novos proxectos, a Facultade supere a barreira do millón de euros en captación de recursos internacionais.

Alfabetización cinematográfica e turismo verde

O proxecto ‘EDUCinema Clima TurAction: creatividade colectiva e educación comunitaria na alfabetización cinematográfica para un turismo de acción polo clima’, dirixido polo catedrático da USC e investigador principal de SEPA-interea, José Antonio Caride, focalízase no cine como recurso pedagóxico-social na acción polo clima. Estudantes de entre 15 e 17 anos crearán unha película de cinema musical con escenarios en diferentes países e contextos de interese para o turismo verde. A USC liderará esta investigación na que tamén toman parte as universidades de Aveiro en Portugal; e de Bolonia, en Italia; así como tres Institutos de Educación Secundaria.

“O cinema musical escolar será unha ferramenta de sensibilización para atraer e comprometer aos turistas en accións polo clima nas súas estadías turísticas en territorios que tentan afrontar os impactos do cambio climático e das pandemias”, explica o profesor Caride. A alfabetización cinematográfica para un turismo verde de acción polo clima pon a énfase nunha dobre perspectiva de reflexión e acción pedagóxica-social, cun enfoque interxeracional, ambiental, escolar e social, cívico e comunitario. “Este contexto amplía as potencialidades inherentes á creatividade colectiva centrada na acción polo clima (Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 13), e o protagonismo das aprendizaxes ao longo de toda a vida (Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 4)”, continúa Caride. Deste xeito, impúlsase a alfabetización cinematográfica para a promoción de boas prácticas de Educación Ambiental, que, ademais de contribuír ao fomento de valores, actitudes, ou comportamentos ecolóxica e socialmente responsables, favorezan a atracción de persoas que se sentan partícipes de actividades e/ou accións polo clima en destinos turísticos.

Derribar as fendas da COVID-19

‘InnoEduCO2: ciencia escolar e-learning one healt’ aspira a “compensar as barreiras, fendas e limitacións derivadas da crise da COVID-19, impulsando un currículo escolar experiencial baseado na aprendizaxe dixital”, explican os investigadores. Tamén impulsada dende SEPA-interea, esta iniciativa é o resultado da asociación da USC co Concello de Outes, as universidades de UIasi, en Rumanía; e  de Aveiro, en Portugal; así como dúas escolas públicas de Aveiro; o Liceo XXVI de Polonia; e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O proxecto oriéntase a reforzar a capacidade das institucións de educación e formación para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade a través do modelo pedagóxico e-learning STE(A)M-TIC que permita compensar o incremento nas carencias da UE en Educación Escolar adaptando a formación telemática da era COVID-19 ás necesidades curriculares de experimentación científica. A través do desenvolvemento e implementación de modelos e-lab e e-eco vinculados á realidade aumentada que posibilita a carga xeolocalizada de datos nos ecosistemas en campo e laboratorio en diferentes océanos europeos, preténdese reforzar a capacidade das institucións de educación escolar para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade.

As iniciativas deste grupo incorporan principios do deseño e encadre metodolóxico do proxecto Climántica, do que é coordinador xeral o profesor asociado da USC Francisco Sóñora, membro tamén de SEPA-interea. Ambos os dous proxectos foron os mellor puntuados nas súas respectivas categorías.

Docencia imaxinativa

Formar aos profesores para que poidan facer fronte aos retos que expón o recente cambio ao ensino en liña e a distancia, onde é esencial que o profesorado desenvolva competencias dixitais, é unha das metas do proxecto ‘Digital technology, imagination, creativity and entrepreneurship for a high quality teaching’, liderado polo grupo Tecnoeduc e que se desenvolverá no marco dun consorcio internacional conformado por institucións de España, Portugal e Reino Unido. “As competencias dixitais forman parte da alfabetización básica, propoñemos dotar aos alumnos e profesores das habilidades básicas para o uso da tecnoloxía dixital de forma significativa e que supoña un valor engadido ao proceso de aprendizaxe; é necesario reforzar o uso do traballo colaborativo e virtual, para elaborar producións dixitais enriquecedoras por parte de alumnos e profesor”, explica a investigadora principal do proxecto Carmen Fernández Morante. Con esta iniciativa preténdese identificar con exactitude as prácticas innovadoras adecuadas para a participación dos alumnos no proceso de aprendizaxe, así como implementar contornas de aprendizaxe lúdicas e creativas que fomenten as solucións imaxinativas, a colaboración, a innovación e o espírito emprendedor facilitados polas tecnoloxías.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2021.