Ir o contido principal

A Estación de Bioloxía Mariña da Graña incorpora a última tecnoloxía en escáneres

De esquerda a dereita, Raúl Vieira, Emilio Fernández, Francisco González e Victoriano Urgorri. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Raúl Vieira, Emilio Fernández, Francisco González e Victoriano Urgorri. Foto: Santi Alvite
O edificio CACTUS acolleu a presentación dun escáner MicroCT que permitirá aos investigadores captar imaxes en alta resolución de mostras de pequeno tamaño

A Estación de Bioloxía Mariña da USC na Graña conta xa cun escáner MicroCT que permite aos grupos de investigación e empresas especializadas obter imaxes en alta resolución en dúas e tres dimensións a partir de mostras de pequeno tamaño. Esta ferramenta foi presentada o venres 16 nun acto no edificio CACTUS, no Campus Vida, no que participou o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco García, e o director da estación o catedrático da USC Victoriano Urgorri, explicou as vantaxes de empregar este escáner para a investigación en diversos campos. Á presentación tamén asistiron o director da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT), Raúl Vieira, e o director do Campus do Mar, Emilio Fernández. A característica principal do escáner co que xa conta a estación da Graña é que permite traballar con mostras moi pequenas, dende 38 mm ata de menos dun milímetro de espesor e permite ver a mostra sen destruíla o que é unha vantaxe moi importante para os investigadores. A súa tecnoloxía permite tomar imaxes en dous ou tres dimensións que amosan o interior da mostra en capas ou cortes, polo que o escáner pode ser empregado para a investigación en diversos campos como a medicina, bioloxía, informática, botánica ou zooloxía, entre outras. O escáner será empregado tanto por equipos de investigación das universidades que conforman o Campus do Mar como por investigadores alleos. Actualmente hai varias liñas de investigación abertas na Estación Biolóxica Mariña da Graña que se verán impulsadas por esta adquisición para a que o Ministerio de Cultura achegou o 70% do investimento preciso e as universidades o 30% restante. Poucos centros de investigación en España contan con esta tecnoloxía e son, na súa maioría, de titularidade privada. A estación da Braña xa conta co persoal cualificado para facilitar o uso desta complexa tecnoloxía aos investigadores que o precisen.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2021.