O programa de estímulo do talento matemático Estalmat-Galicia clausura o curso en Matemáticas

O programa Estalmat de estímulo do talento matemático clausura este sábado 24 o actual ano académico, nun acto no que ademais se lle entregan os diplomas á promoción de 2023 conformada por nove alumnas e dezaseis alumnos.
No evento (11.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas), a profesora da USC e presidenta de Estalmat-Galicia, M. Elena Vázquez Cendón, presenta o relatorio ‘A profesión de Matemáticas onte e hoxe’. Deseguido, ten lugar o acto formal de entrega de diplomas que preside a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, e no que intervirán o decano da Facultade de Matemáticas, Alberto Cabada Fernández; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández Gil; o representante do equipo docente, Andrés Prieto Aneiros, e a profesora Elena Vázquez Cendón. Participan tamén Sandra Iglesias e Arturo Hermilla en representación das familias e Jacobo Otero Iglesias e Breixo Vidal Salgueiro do alumnado.
Os 25 estalmateiros e estalmateiras que este sábado recollen o diploma poden continuar esta experiencia no programa ESTALMAT-PI, que supón un terceiro curso, e que mantén aberta a convocatoria do ano 2025. A proba realizarase o próximo 31 de maio.
ESTALMAT-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. Avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, da Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e o Concello de Ames. Ademais, Casio educación achega material para os cursos.
Desde o pasado ano Estalmat-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, no que xa achegaron fondos as empresas DXC Technology desde o seu Centro de Excelencia para iniciativas de Datos e Intelixencia Artificial para España e Portugal, con sede en Santiago, e o Centro de Investigación Mestrelab.