Estudantes e docentes de Nutrición Humana e Dietética guían este venres unha sesión sobre a Dieta Atlántica no IES Sanxillao
Estudantes e docentes do grao en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC desenvolverán este venres, a partir das 10.30 horas, no IES Sanxillao de Lugo, unha xornada informativa e divulgativa sobre a Dieta Atlántica dirixida a estudantes de ciclo medio e superior de Hostalería.
Esta actividade formativa, coordinada de forma conxunta pola catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC e vogal da Fundación Dieta Atlántica, Ángeles Romero, e por María Fe Mourenza Álvarez, profesora de Hostalería no IES Sanxillao, comezará cun relatorio no que se expoñerán as características e as vantaxes da dieta atlántica. Ao remate desta sesión de carácter teórico, a actividade desta xornada trasladarase ás cociñas do IES Sanxillao, onde estudantes do grao en Nutrición Humana e Dietética que están a realizar este curso a materia de Tecnoloxía Culinaria acompañarán e prestarán asesoramento a alumnos/as dos ciclos medio e superior de Hostalería para a elaboración de menús baseados na Dieta Atlántica. O traballo elaborado pola graduada en Nutrición Humana e Dietética Paula Roca Saavedra será a ferramenta que empregará como guía este colectivo de estudantes á hora de elaborar uns menús equilibrados baseados na Dieta Atlántica e que posteriormente degustarán. Esta xornada teórico práctica a prol da difusión e posta en valor da Dieta Atlántica constitúe unha das accións desenvolvidas no marco das liñas de cooperación xa existentes entre a Facultade de Ciencias e o IES Sanxillao e terá continuidade a próxima semana con novas sesións prácticas.