A Facultade de Ciencias divulga a dieta atlántica e traslada os seus menús equilibrados ás cociñas do IES Sanxillao
Estudantes e docentes do grao en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC desenvolveron este venres no IES Sanxillao de Lugo unha xornada informativa e divulgativa sobre a Dieta Atlántica dirixida a estudantes de ciclo medio e superior de Hostalería. Esta actividade formativa, coordinada de forma conxunta pola catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC e vogal da Fundación Dieta Atlántica, Ángeles Romero, e por María Fe Mourenza Álvarez, profesora de Hostalería no IES Sanxillao, comezou cun relatorio no que a propia Ángeles Romero expuxo as características e as vantaxes da dieta atlántica.
Ao remate desta sesión teórica, que citou máis dun centenar de estudantes na aula de conferencias do centro educativo lugués, a actividade desta xornada a prol da dieta atlántica trasladouse ás cociñas do IES Sanxillao, onde estudantes do grao en Nutrición Humana e Dietética que están a realizar este curso a materia de Tecnoloxía Culinaria acompañaron e prestaron asesoramento a alumnos/as dos ciclos medio e superior de Hostalería para a elaboración de menús baseados na Dieta Atlántica.
O traballo elaborado pola graduada en Nutrición Humana e Dietética Paula Roca Saavedra foi a ferramenta empregada como guía neste obradoiro culinario encamiñado a elaborar menús equilibrados, uns platos que logo degustaron os propios estudantes. A próxima semana o IES Sanxillao acubillará un novo obradoiro de menús equilibrados no que participarán como guías ou titores estudantes do grao en Nutrición Humana e Dietética da Facultade de Ciencias da USC.