Ir o contido principal

A Facultade de Dereito edita un volume de termos de dereito internacional en tres idiomas e as unidades didácticas de cinco docentes

Integrantes da Comisión de Normalización Lingüística e do Servizo de Normalización Lingüística xunto coa secretaria xeral da USC e o decano de Dereito (de pé no centro). Foto: Alfonso-Servimav
Integrantes da Comisión de Normalización Lingüística e do Servizo de Normalización Lingüística xunto coa secretaria xeral da USC e o decano de Dereito (de pé no centro). Foto: Alfonso-Servimav
Ademais, o centro organiza un ciclo de conferencias sobre os dereitos lingüísticos en Galicia

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito presentou este mércores varios dos proxectos nos que estivo traballando nos últimos meses, todos enmarcados na iniciativa ‘ Témoslle lei’. Ademais, anunciou un ciclo de conferencias sobre os dereitos lingüísticos en Galicia dirixido pola profesora Alba Nogueira. Termos de dereito internacional Os profesores Javier Maseda e Carlos Teijo son os autores da publicación Termos esenciais de dereito internacional que se acaba de presentar en formato papel. O volume recolle a terminoloxía básica deste ámbito continuando a colección de glosarios especiali­zados promovida no marco dun plan para aumentar e mellorar o uso da lingua galega na Facultade e que xa deu ao prelo tra­ballos sobre dereito constitucional e dereito penal. A obra, que diferenza entre o dereito internacional público e o privado, presenta nesta ocasión unha particularidade que non teñen os anteriores como é que aos pares galego-español se incorporan as formas inglesas dos termos, o que para os autores “permite aumentar de forma moi notable a súa utilidade como ferramenta para a consulta de textos xurídicos inter­nacionais”. Conferencias sobre Dereitos Lingüísticos Ademais, co gallo de achegar recursos que cubran o baleiro que os programas da licenciatura e do grao de Dereito posúen no ámbito dos dereitos lingüísticos e o exercicio da profesión en Galicia, a Facultade organiza un ciclo de conferencias a celebrar en seis sesións entre setembro e novembro. O prazo de matrícula remata o vindeiro día 25. O ciclo, dirixido pola profesora Alba Nogueira, permitirá expor os diferentes papeis que lles corresponden aos poderes públicos, como responsables de protexer e fomentar o uso da lingua, e á cidadanía no exercicio dos dereitos lingüísticos así como coñecer experiencias que poidan indicar como regular ou abordar esta cuestión no ámbito do Dereito e da Administración pública. Ademais, ofreceranse referentes sociais de profesionais que usan o galego na súa práctica profesional. Durante o desenvolvemento desta actividade daranse a coñecer os dereitos lingüísticos e a súa protección nos diversos ámbitos (administración pública, xustiza, educación, ámbito privado) de xeito que as persoas asistentes teñan a oportunidade de reflexionar a través da participación nos coloquios das conferencias e da elaboración dun traballo persoal consistente no comentario de sentenzas en relación coa protección e defensa dos dereitos lingüísticos. Unidades didácticas No mesmo acto presentáronse as Unidades didácticas dos docentes da Facultade Ana Gude, Gumersindo Guinarte, Natalia Pérez Rivas, Fernando Vázquez Portomeñe e Ignacio Vidal Portabales. En concreto, publicáronse as unidades Dereitos da personalidade para a materia Dereito Constitucional II; Sociedade de responsabilidade limitada , para Dereito da Empresa; e As circunstancias atenuantes da responsabilidade criminal , A extinción da responsabilidade criminal e Circustancias agravantes , para Dereito Penal I. Tanto o ciclo como as publicacións máis recentes da Comisión presentáronas na Facultade a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; o decano do centro, Luis Míguez; e a presidenta da Comisión de Normalización Lingüística de Dereito, Antonia Nieto, entre outras persoas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2012.