Ir o contido principal

A Facultade de Enfermaría despide á XIX promoción de matronas e recibe aos novos residentes

Cristina Valiño falou no acto en representación da súa promoción (Foto:Servimav-USC)
Cristina Valiño falou no acto en representación da súa promoción (Foto:Servimav-USC)

A Facultade de Enfermaría da Universidade de Santiago celebrou este venres no Salón Nobre do Colexio de Fonseca un acto académico de despedida da XIX Promoción de residentes de Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica (matronas) e recepción de novos residentes. A cerimonia estivo presidida polo vicerreitor de Titulacións e PDI, Jesús López Romalde, e nel interviñeron a decana da Facultade, Mª Jesús Núñez Iglesias; a representante da Asociación Galega de Matronas, Benita Martínez; Rosa Mª Cogolludo en representación das titoras de residentes de matronas da Unidade Docente; e Cristina Valiño Pazos en representación das residentes de segundo ano. No acto despediuse ás dezanove residentes que terminaron a especialidade do Sistema Nacional de Saúde na Unidade Docente de Galicia e recibiuse ás residentes que este ano superaron a proba de acceso para Enfermeiros Internos Residentes (EIR). Para cursar esta especialidade é necesario contar co título de enfermaría e realizar unha proba de acceso que na última edición contou con 17.382 aspirantes para 961 prazas en toda España. A Unidade Docente de Galicia oferta 17 prazas que se cubriron na súa totalidade. Para obter o título de especialista de enfermaría obstétrico-xinecolóxica (matrona) é preciso realizar unha residencia durante dous anos a tempo completo e cubrindo un programa formativo que inclúe unha dedicación mínima a actividades docentes-asistenciais de 3.600 horas. Dende ó ano 1995, a Facultade de Enfermaría encargouse da formación de ao redor de 300 homes e mulleres como especialistas de enfermaría obstétrico-xinecolóxica. A XIX promoción, coa camiseta rosa, reivindica a figura das matronas (Foto:Servimav-USC) A Facultade de Enfermería formará este ano a dezasete especialitas (Foto:Servimav-USC)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2014.