Ir o contido principal

A Facultade de Formación do Profesorado amosa una escolma de 25 fotografías do III Certame Ruth Matilda Anderson

Dúas das imaxes incluídas na mostra aberta en Formación do Profesorado
Dúas das imaxes incluídas na mostra aberta en Formación do Profesorado
As imaxes reflicten distintas cuestións ligadas coa muller desde perspectivas diferentes

A Facultade de Formación do Profesorado acolle una exposición das mellores fotografías presentadas ao III Certame Fotográfico Ruth Matilda Anderson, un concurso promovido pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade a través da Oficina de Igualdade de Xénero e cuxa amplia temática permitiu aos participantes amosar distintas cuestións directamente relacionadas coa muller desde perspectivas diferentes (visibilización do traballo, muller e ciencia, ruptura de estereotipos de xénero...)

A mostra aberta na Facultade de Formación do Profesorado está constituída por un total de 25 imaxes, unha escolma de instantáneas entre as que se atopan as propostas que resultaron galardoadas no concurso. A imaxe premiada neste certame, que toma o nome dunha muller (1893-1983) fotógrafa que no pasado século XX destacou nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, leva por título ‘ Revolución’. Esta imaxe, cuxa autoría corresponde a Alejandro Fernández López, será tamén a imaxe do cartel do Día Internacional das Mulleres en 2014. Outras das fotografías premiadas no certame, ao que se presentaron preto de 100 propostas, son ‘Evangelina’, de Jesús García Devesa, e ‘Técnico e muller’m, de José Marcelino Saavedra Martínez, merecedores do segundo e terceiro premio, respectivamente. A exposición itinerante das 25 fotografías do III Certame de Fotografía Ruth Matilda Andersen, unha mostra itinerante que chega ao campus de Lugo logo de permanecer exposta durante o mes de novembro en varios centros e facultades de Santiago de Compostela, está instalada no primeiro andar da Facultade de Formación do Profesorado. As persoas interesadas poden visitar esta colectiva fotográfico nos horarios e datas nas que o centro universitario estea aberto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2013.