Ir o contido principal

Federación Galega de Baloncesto e Universidade impulsan un curso de iniciación á arbitraxe federada para o alumnado universitario

A través do curso o alumnado entrará en contacto coas bases do traballo da arbitraxe e coas regras de xogo. FOTO: Santi Alvite
A través do curso o alumnado entrará en contacto coas bases do traballo da arbitraxe e coas regras de xogo. FOTO: Santi Alvite
Unha vez superada esta acción formativa que tamén está aberta ao conxunto da cidadanía, o estudantado poderá incorporarse ao Comité Galego de Árbitros de Baloncesto na súa zona xeográfica correspondente, continuando coa dinámica formativa e deportiva
Santiago de Compostela

A USC e a Federación Galega de Baloncesto formarán o alumnado universitario en materia de arbitraxe federada nesta modalidade deportiva. Este curso de iniciación que abre o seu prazo de inscrición o luns 23 e que se estenderá ata o día 30 de outubro, redunda no obxectivo da Universidade de Santiago de Compostela de seguir tecendo lazos coa contorna deportiva, así como fortalecer os xa existentes. De feito, superado o curso, o estudantado poderá incorporarse ao Comité Galego de Árbitros de Baloncesto na súa zona xeográfica correspondente, continuando coa dinámica formativa e deportiva. Logo do período de inscrición para o alumnado da USC, abrirase unha segunda quenda aberta ao conxunto da cidadanía que se estenderá do 31 de outubro ao 3 de novembro. A actividade dotada de 62 horas de duración permitirá obter 2 créditos ECTS.

A través do curso o alumnado entrará en contacto coas bases do traballo da arbitraxe e coas regras de xogo, a mecánica, sinalización e funcións específicas das persoas oficiais de mesa, así como na dinámica do Comité de árbitros e os seus integrantes. O profesorado está composto por profesionais da arbitraxe e oficiais de mesa con ampla traxectoria e ligazón co Comité Galego de Árbitros de Baloncesto, a FEB, ACB e FIBA.

Programa

A formación contará cunha parte teórica en liña que se impartirá os días 6, 7, 8 novembro de 17.00 a 21.00 horas, e cunha parte práctica presencial os días 12 e 14 de novembro. Ademais, haberá 44 horas de prácticas en partidos reais entre o 18 de novembro e o 4 de febreiro. Estas prácticas serán remuneradas xa que se desenvolverán como árbitros e oficiais de mesa en partidos da Federación Galega de Baloncesto e sempre observadas e tuteladas por árbitros/oficiais de maior experiencia e cualificación. Para poder realizar as prácticas, por normativa legal, é imprescindible afiliarse con licenza da Federación Galega de Baloncesto.

O reitor e o delegado para o Deporte da USC recibiron aos representantes da Federación este venres en San Xerome. Foto: Santi Alvite
O reitor e o delegado para o Deporte da USC recibiron aos representantes da Federación este venres en San Xerome. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.10.2023.