Filoloxía reivindica o legado do Seminario de Estudos Galegos “onte e hoxe”
A xornada de investigación 'As disciplinas do Seminario de Estudos Galegos onte e hoxe' desenvólvese este luns 9 na Facultade de Filoloxía con motivo do centenario da fundación do SEG, institución cultural fundada o 12 de outubro de 1923. A actividade está organizada en colaboración coa Asemblea de Investigadoras e bota a andar cun acto inaugural presidido polo reitor Antonio López.
"O SEG pretendía atender diversos campos do saber que non eran obxecto de estudo como materia galega na universidade, tanto dende o punto de vista investigador como formativo e divulgador", explican dende a organización. "Con este evento pretendemos alcanzar o mesmo obxectivo e avaliar o estado actual das disciplinas que constituíron as diferentes seccións que integraron o SEG dende a mirada do estudantado de doutoramento da USC", engaden. As súas conclusións principais poden verse xa nun conxunto de vídeos dispoñibles na canle de Youtube da USC. Esta actividade enmárcase no conxunto de eventos que terán lugar na Facultade este semestre para celebrar o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos.
Faíscas
Esta iniciativa da Facultade de Filoloxía súmase á homenaxe que a USC está a render aos integrantes do SEG a través dunha programación ampla e diversa. Así, a mostra divulgativa ‘Saber de Nós. Unha ollada ao centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos’ permanecerá na Facultade de Química ata o día 15 deste mes. Esta exposición itinerante que tamén pasará polas facultades de Dereito, Filoloxía, Xeografía e Historia, Ciencias Económicas e Empresariais, Formación do Profesorado, Veterinaria e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) servirá de contexto para a primeira vaga de Faíscas Culturais coas que este outono a USC quere prender a reflexión cultural e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades nas aulas que se sitúen na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística.
En concreto, a Faísca da Facultade de Filoloxía terá lugar o 9 de novembro e consistirá nunha mesa redonda na que Alejandra Ulla, Elias Torres, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra abordarán o SEG, a filoloxía e as letras galegas e a relación con Portugal.