Ir o contido principal

Filosofía conmemora o primeiro cabodano do pasamento de Eugenio Trías cun ciclo que comeza o luns

Filosofía do límite é o lema que dá nome ao ciclo que rememorará a figura do filósofo Eugenio Trías cando se conmemora o primeiro cabodano do seu pasamento (1942-2013). O ciclo, que se desenvolverá nos meses de febreiro e marzo, comeza este luns 24 na Capela da Universidade cun concerto a cargo da Orquestra do Espazo de Cámara da USC seguido dun debate sobre música e filosofía en Trías, a cargo do profesor de Filosofía na Universidade da Coruña Alberto Sucasas, da música e filósofa Yolanda Espiña e do director da Orquestra da USC Mario Otero Diz. A sesión comezará ás 20.00 horas coa presentación que o decano da Facultade de Filosofía, Rafael Martínez Castro, realizará do ciclo, ao que dará continuidade na quenda de palabras o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, para inauguralo. Esta primeira xornada leva por título ‘A música do pensamento’. A seguinte sesión do ciclo celebrarase o luns 17 de marzo no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, e inclúe un debate a partir da proxección de Vertixe de Alfred Hitchock. Intervirán Ángel Luis Hueso, Alberto Ruíz de Samaniego e Alberto Sucasas á procura de contextualizar o filme e a súa interpretación na obra de Eugenio Trías. A clausura do ciclo chegará o luns 24 nunha xornada na que o filósofo Alberto Sucasas pronunciará a conferencia ‘Sobre o sentido global do proxecto filosófico de Eugenio Trías’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2014.