Ir o contido principal

Filosofía propón realizar unha panorámica xeral da actualidade política poñéndoa en relación co pensamento filosófico recente

‘Cartografías das resistencias: transformacións da praxe política ou as revoltas globais’ é o título do curso de verán que os días 4 e 5 de setembro se celebrará na Facultade de Filosofía para trazar unha panorámica xeral da actualidade política poñéndoa en relación co pensamento filosófico recente. A intención que se persegue é pensar o xeito en que se institúe ou constitúe a realidade como un proceso dinámico de discursos e accións e detectar e prever condutas ideoloxizadas froito de determinados posicionamentos políticos. Para alcanzar estes fins investigadores debaterán “as cuestións máis delicadas da situación política e filosófica actual” o que, en opinión dos organizadores, favorecerá o diálogo interdisciplinar entre afeccionados e especialistas en distintas vertentes das ciencias sociais. Deste xeito, os relatorios programados estarán orientados a cuestións como o malestar na cultura, desobediencia civil, a política na democracia ou a relación entre lingua, poder e diferenzas. Para acadar información máis detallada sobre o programa, as persoas interesadas poden dirixirse á web da Universidade de Verán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2013.