Fondo pesar na USC polo pasamento de Miguel Ángel Gómez Segade
A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento do profesor da Facultade de Filoloxía Miguel Ángel Gómez Segade.
Titulado en Filoloxía Románica en 1974, exerceu a docencia entre os anos 1977 e 2000, inicialmente adscrito á área de Literatura española e posteriormente á de Teoría da literatura e Literatura comparada. Especialista en semiótica teatral, historia do teatro, poesía española contemporánea e retórica, fixérase cargo xa a partir de 1976 da Aula de Teatro da USC e da organización de ciclos anuais de representacións teatrais. Este labor activou de forma clara naquel tempo de transición o interese do estudantado universitario polo teatro contemporáneo e estimulou con eficacia o contacto cos grupos máis dinámicos de teatro independente, tanto galegos como en xeral do espazo ibérico. A finais dos anos 90 codirixiu os primeiros Cursos de especialización en arte dramática: Teoría e práctica da interpretación. No ano 2001 cedeu ao Arquivo Teatral Pillado Mayor, da Universidade da Coruña, unha parte dos seus arquivos persoais como investigador teatral e como documentalista de actividades teatrais. Tres anos despois, con motivo da súa xubilación, os seus compañeiros de área dedicáronlle o volume Elementos de crítica literaria.
A USC, e en particular a Facultade de Filoloxía, únense á dor da familia e amizades e expresan xunto coas condolencias o agradecemento pola dedicación e servizos do profesor Gómez Segade no seo da institución.