Ir o contido principal

Formación do Profesorado acolle este venres a entrega de insignias e diplomas da décima segunda promoción do IV Ciclo

Alumnos do IV Ciclo Universitario da USC nunha clase celebrada na Escola Politécnica de Lugo
Alumnos do IV Ciclo Universitario da USC nunha clase celebrada na Escola Politécnica de Lugo
A profesora Patricia Fernández Trocóniz amadriñará ás 66 persoas que remataron este curso a súa diplomatura ou licenciatura sénior na Universidade de Santiago

A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela acollerá este venres, a partir das 12.00 horas, o acto de entrega de insignias e diplomas aos 66 alumnos/as do IV Ciclo Universitario da USC que completaron no curso 2012-12 os estudos de diplomatura ou licenciatura sénior.

O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Ramón Durán Villa, e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidirán a celebración deste acto oficial de fin de curso no transcurso dunha cerimonia na que tamén estará presentes un representante da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, así como o director do IV Ciclo Universitario da USC, Máximo Quintáns Rodríguez, e o coordinador deste programa de formación de maiores no campus de Lugo, Emilio Carral Vilariño. A profesora do Departamento de Anatomía e Produción Animal da Universidade de Santiago, Patricia Fernández Trocóniz, actuará como madriña desta décima segunda promoción de titulados do IV Ciclo da USC. Asemade, María do Carme Porto Vázquez tamén intervirá neste acto como representante do alumnado desta promoción.

O número de alumnos/as que completaron no curso 2012-12 a diplomatura sénior ascende a 25, dos que 13 están matriculados no campus de Lugo e 12 no de Compostela. Asemade, durante este exercicio académico outras 41 persoas inscritas no IV Ciclo Universitario da USC (24 en Lugo e 17 en Compostela) remataron xa os cinco cursos deste programa de formación de maiores, razón pola que recibirán as correspondentes insignias. Ao remate do acto de clausura do curso, todos os participantes compartirán un xantar de confraternidade no restaurante Los Robles da capital luguesa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2013.