Formación do Profesorado amosa os calendarios elaborados desde 1980 polo colectivo pedagóxico Estiño
A Facultade de Formación do Profesorado exhibirá de xeito permanente a colección de calendarios elaborados desde o ano 1980 polo colectivo pedagóxico Estiño, un grupo de renovación pedagóxica impulsado na pasada década dos anos 70 por un grupo de mestres e mestras de escolas unitarias da montaña de Lugo constituído legalmente en 1983.
O colectivo pedagóxico Estiño conserva os obxectivos cos que naceu, aínda que ampliados polo paso do tempo e tamén adaptados aos cambios experimentados tanto nos centros educativos como na propia dinámica de traballo. Aínda así, o traballo pedagóxico persegue que toda a comunidade educativa se implique no estudo dos distintos aspectos da cultura galega, a fin contribuír a valorizala e mantela viva. Os temas comúns de traballo para os distintos centros educativos quedaron reflectidos cada ano nos distintos calendarios-póster elaborados cada curso (o correspondente ao 2014 fai o número 35), así como na revista escolar ‘Miuzallas’. Nunha dimensión aínda máis solidaria, os integrantes do colectivo pedagóxico Estiño acordaron que a recadación obtida coa venda dos calendarios vai destinada a financiar proxectos educativos en Nicaragua a través da ONG luguesa Axunica.