Ir o contido principal

Formación de Profesorado presenta e Islandia o máster DAEN no marco da Conferencia Internacional de Educación ao Aire Libre

Salvador Cidrás, Vicente Blanco e Diego Carral, nunha das sesións do máster DAEN
Salvador Cidrás, Vicente Blanco e Diego Carral, nunha das sesións do máster DAEN
Os docentes Vicente Blanco e Salvador Cidrás e o doutorando Diego Carral conforman a primeira delegación universitaria española que participa neste encontro internacional

Os profesores da Facultade de Formación del Profesorado de Lugo Vicente Blanco Mosquera e Salvador Cidrás Robles, e o estudante de doutoramento en Educación da USC Diego Carral Maseda participan desde hoxe ata o sábado na Conferencia Internacional de Educación ao Aire Libre, que se está a celebrar na rexión islandesa de Laugar í Saelingsdal.

Este foro internacional está promovido polo Instituto europeo para a aventura ao aire libre, educación e aprendizaxe de experiencias, (EOE), a organización europea máis importante de educación ao aire libre que agrupa aos máis destacados profesionais deste eido nunha rede de traballo internacional, e da que tamén son membros varios profesores da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. O obxectivo da presenza destes investigadores do campus de Lugo na Conferencia Internacional de Educación ao Aire Libre é o de dar a coñecer e explicar nestes encontros internacionais as actividades e cursos de formación que se están a desenvolver na Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, tanto nos títulos de grao como no máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza. O establecemento de novos contactos con investigadores doutras universidades para deseñar protocolos de colaboración que permitan potenciar este tipo de estudos no campus de Lugo, a fin de converter este campus da USC nun enclave de referencia desta rede de traballo internacional son outras das pretensións de Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Diego Carral, que conforman a primeira comitiva universitaria española que participa neste tipo de xornadas internacionais. O programa desta edición da Conferencia Internacional de Educación ao Aire Libre é amplo e os participantes aproveitarán as distintas sesións programadas para, entre outros cometidos, examinar o lugar da natureza e o excursionismo na promoción do benestar da xuventude, a fin de construír sinerxías entre os diferentes ámbitos da educación formal e non formal e avanzar así nun modelo de formación sobre o que xa está a traballar o campus de Lugo da USC a través do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN). Analizar e concienciar da importancia que ten a participación da mocidade en actividades das súas contornas naturais próximas, examinar como o aire libre fortalece os valores sociais dos máis novos mediante o contacto co contexto cultural e o patrimonio, ademais de potenciar os sentidos de identidade e pertenza, e avaliar a posible incidencia destas prácticas nun maior grao de responsabilidade persoal, empatía, inclusión social... son outros dos eidos sobre os que se traballará no marco deste foro internacional. Os profesores lugueses, que poden asistir a esta Conferencia Internacional de Educación ao Aire Libre grazas a un convenio de apoio ao máster DAEN asinado entre a Deputación Provincial de Lugo e a USC, presentarán en Islandia dous traballos. A través destas exposicións explicarán as accións desenvolvidas para mellorar o contexto ambiental no propio centro universitario lugués, as características das actividades ao aire libre que se realizan cos estudantes de títulos de grao e a incardinación deste mesma liña de traballo na nova mención de Educación Física. A natureza e o aire libre conforman un núcleo de formación básico que logo ten continuidade no máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), segundo indicou o propio director deste posgrao, Uxío Otero Urtaza. No segundo dos relatorios presentados pola delegación da USC nesta conferencia internacional, os profesores da Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo relatarán os pasos que se deron para organiza o máster, os modelos europeos estudados, as características e potencialidades que teñen na contorna luguesa para poder desenvolvelo, así como os acertos e innovacións e as dificultades que se atopan na actualidade para poder desenvolver no campus de Lugo da USC unha titulación semellante á que imparten outras universidades europeas como Linköpin, Edimburgo, Cumbria o Marburg.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2014.