Formación de Profesorado recupera o título de máster DAEN na súa oferta académica para o curso 2015-2016
A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC volverá a incluír na súa oferta académica para o curso 2015-2016 o título de máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, un programa oficial de posgrao que deixou de ofertarse no presente exercicio académico por mor de non ter cuberto o ano anterior o número mínimo de prazas de alumnado esixido pola normativa vixente.
A inclusión do título de máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza na programación de estudos ofertados pola USC na Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo é “unha boa nova para o centro universitario lugués”, en palabras do decano Francisco Rodríguez Lestegás, quen precisou que este programa formativo permite reforzar e singularizar a oferta de estudos de posgrao impartidos na Facultade, ao tempo que favorece e potencia as ligazóns do centro co proxecto de especialización da sede universitaria luguesa coñecido como Campus Terra. O coordinador do máster DAEN, o profesor da USC na Facultade de Formación do Profesorado Uxío Otero Urtaza, manifestou tamén a súa satisfacción pola resolución final adoptada respecto da continuidade deste programa de posgrao na oferta de títulos da USC e para o que se ofertarán un total de 28 prazas de nova matrícula (tres reservadas para estudantado estranxeiro) no curso 2015-16. O máster oficial en Dirección de Actividades Educativas na Natureza é un título único no Sistema Universitario Galego e tamén un programa diferenciado no contexto dos posgraos ofertados polas distintas universidades españolas. Estruturado en 60 créditos ECTS, impartidos ao longo dun curso académico, o máster DAEN, un título de carácter académico e profesional que dá acceso ao programa de doutoramento en educación da USC ao tempo que presenta unha dinámica investigadora que permite aos titulados integrarse en equipos xa constituídos para a realización de teses ou para desenvolver cometidos profesionais específicos. A capacitación de educadores e profesores na alta dirección pedagóxica de actividades relacionadas co tempo de lecer, o aire libre e o contacto coa natureza é un dos obxectivos que fixados neste programa. O máster DAEN é un título que reúne entre as súas temáticas a educación ao aire libre, educación ambiental, literatura e arte en relación coa natureza, deseño e organización de itinerarios e excursións, deporte, arquitectura rural e paisaxe, ao tempo que exercita aos estudantes no desenvolvemento de capacidades para a xestión, organización e dirección de grupos e institucións en relación co medio natural.