Galicia Bio busca alianzas no sector biotecnolóxico en BioSpain 2023
Unha representación do sector biotecnolóxico de Galicia, entre o que se atopa a USC, participou ao longo desta semana en BioSpain 2023, unha das citas de referencia do sector biotech en Europa e que se estendeu ata este xoves 28 en Barcelona. BioSpain 2023 está organizado pola Asociación Española de Bioempresas (Asebio) en colaboración con Biocat.
A BioSpain 2023 acudiu unha delegación institucional baixo a marca Galicia Bio, que está integrada por USC, Xunta de Galicia, Axencia Galega de Innovación, Axencia de Coñecemento en Saúde, XesGalicia, Bioga, Clúster Saúde de Galicia, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo. A delegación biotech galega estivo presente no Pavillón de Galicia Bio, onde teñen representación algunhas spin-off da USC como i-Grape Laboratory, Celtarys Research ou BFlow.
A USC participa en BioSpain, a través dá Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, para buscar alianzas con empresas do sector biotecnolóxico que permitan valorizar e transferir as tecnoloxías desenvolvidas na Universidade, de forma que os resultados de investigación cheguen ao mercado beneficiando á cidadanía de forma directa en forma de produto ou servizo.
BioSpain é un dos congresos líderes en Europa que este ano reuniu máis de 850 entidades innovadoras que traballan en saúde, en agroalimentación sostible e en solucións contra o cambio climático. A esta cita en Barcelona acudiron máis de 1.500 profesionais de 30 países e contou cuns 200 expositores e máis de 50 investidores. Asebio estima que durante estes días desenvolvéronse máis de 3.500 reunións one-to-one. O obxectivo de BioSpain é impulsar a innovación, o investimento, a colaboración e as novas oportunidades de negocio.