Ir o contido principal

García Herradón inaugura este venres no Albéitar do campus de León a mostra ‘Carlos Valcárcel Fotografías 1962-2002’

A escolma de 76 instantáneas doadas polo fotógrafo lugués á USC permanecerá ata mediados de febreiro aberta ao público no campus de León

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurará este venres, día 10 de xaneiro, ás 12.00 horas, no edificio Albéitar do campus de León, a exposición ‘Carlos Valcárcel Fotografías 1962-2002’.

A mostra, que inclúe unha escolma de 76 instantáneas doadas no ano 2003 polo seu autor, o veterano fotógrafo lugués Carlos Valcárcel, á Universidade de Santiago de Compostela, chega ao campus leonés despois de permanecer aberta durante un mes en Ponferrada e logo de ter xirado por distintos espazos do campus universitario de Lugo, onde permanecía exposta de xeito permanente desde o mes de xaneiro na Facultade de Formación do Profesorado O vicerreitor de Relaciones Internacionales e Institucionales da Universidade de León, José Luis Chamosa González, e o director da Área de Actividades Culturais da institución académica, César Ordóñez, acompañarán ao vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus lugués na apertura desta exposición fotográfica, no transcurso dun acto ao que tamén asistirán o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus de Lugo, Pablo Ramil, o integrante do Grupo Fonmiñá Eduardo Ochoa. A mostra ‘Carlos Valárcel Fotografías 1962-2002’ chega ao edificio Albéitar do campus leonés, onde permanecerá aberta ao público ata mediados do mes de febreiro, logo do interese mostrado pola Universidade de León por poder contar e exhibir esta colección, unha escolma do traballo fotográfico realizado por Carlos Valcárcel ao longo de catro décadas. Cronoloxía da mostra A colección ‘Carlos Valcárcel Fotografías (1962-2002) permite ao espectador facer un percorrido no espazo e no tempo por distintos lugares de Galicia e León a través de imaxes de fonda pegada etnográfica e cun alto valor documental que posibilitan trasladarse e coñecer outras épocas e a outros lugares sen necesidade de moverse do sitio. As contornas menos urbanas do Lugo da pasada década dos anos sesenta, xunto con imaxes pouco menos que senlleiras de bateas no río Miño, ao seu paso por Outeiro de Rei, oficios como o de toneleiro, afiador..., espazos e celebracións ben coñecidas como a Feira de Monterroso, o San Froilán, as paisaxes dos Ancares, O Courel e mesmo a recta de Vilalba son algúns dos documentos gráficos que achega esta mostra de Valcárcel, que tamén inclúe varios retratos e imaxes de persoas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.01.2014.