Google e IAB desenvolven cursos de marketing dixital na USC abertos á participación de estudantes e persoas xa tituladas
Estudantes e titulados/as da USC poderán completar de xeito gratuíto os cursos de marketing dixital organizados de forma conxunta polas empresa Google e IAB España (IAB) nos campus de Lugo e de Compostela, onde xa se está a impartir esta semana un dos seminarios.
Os contidos incluídos nestes programas de formación en marketing dixital posibilitan a adquisición de coñecementos e fundamentos básicos de tecnoloxía e tamén do mundo dixital, SEO, SEM, E-commerce, marketing en redes sociais e dispositivos móbiles, analítica web e emprendemento. Os seminarios formativos, que poden completarse de xeito presencial ou tamén en liña, antóllanse como unha ferramenta de utilidade para que os/as estudantes que estean a piques de completar as súas respectivas titulacións comecen o proceso de busca de emprego ou se decanten pola vía do emprendemento. De feito, este curso de márketing dixital inclúe tamén un módulo formativo centrado na elaboración dun plan de negocio. A programación de curso de marketing dixital ofertada por Google e IAB España para estudantes e titulados/as da USC é ampla e contempla diversas fechas de celebración desde abril ata novembro. De feito, esta semana está a desenvolverse un curso no Campus Norte de Compostela, mentres que o vindeiro mes de maio, concretamente do 19 ao 23, esta oferta formativa trasladará a súa sede á Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. Os cursos presenciais, que teñen unha duración de cinco xornadas, en quenda de mañá e tarde, permiten ás persoas inscritas que superen os exames de avaliación obter unha certificación en marketing dixital emitida por IAB (Interactive Advertising Bureau). Este tipo de programas formativos promovidos por Google e IAB España terán continuidade ao longo de todo o ano, período durante o que se celebrarán novas edicións de cursos de marketing dixital nos campus de Lugo e de Santiago de Compostela para os que aínda está aberto o proceso de inscrición. As persoas interesadas poden atopar máis información ao respecto desta programación formativa na web https://formacionactivate.es/newsletter/invitacion/all/index_santiago.html, ao tempo que poden inscribirse no enderezo electrónico https://formacionactivate.es/.