Ir o contido principal

Historiadores analizan dende este mércores o papel das mulleres na historia de Galicia

O I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero desenvólvese na Facultade de Filosofía ata o venres 8

O papel das mulleres na historia de Galicia é o eixo central do I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero, 'As mulleres na Historia de Galicia', que dende este mércores 6 e ata o venres 8 ten lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. O congreso ten por obxecto contribuír ao debate sobre a condición feminina nos diferentes períodos históricos, afondar no coñecemento dos roles sociais, públicos e privados, que desempeñaron as mulleres na historia e reivindicar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres na sociedade actual. Trátase dun encontro de 30 horas de duración, que se articula a través de dezanove conferencias impartidas por especialistas na materia e dezaoito comunicacións que complementarán a visión das anteriores. O encontro comezará ás 9:15 horas coa presentación do programa e, a continuación iniciaranse unha serie de comunicacións, nas que analizarán aspectos como a situación xurídico-política da muller, o papel feminino na historia da arte, a maternidade social e o feminismo católico, entre outros. A xornada do xoves, 6 de abril, comezará ás 9:30 horas cun relatorio sobre ‘A imaxe da muller na arte baixomedieval galega’, a que seguirán unha serie de exposicións, nas que se analizarán temas tan diversos como ‘O traballo das mulleres voluntarias no Laboratorio de Farmacia Militar de Santiago’ ou ‘Pecados e escándalos femininos’. A emigración, a actividade laboral das mulleres e as pioneiras galegas no xornalismo serán algúns dos temas que, dende unha perspectiva feminina, serán analizados na terceira e última xornada do congreso, o venres 8 de abril. A clausura do encontro terá lugar ás 20.15 horas. O programa completo do congreso e toda a información das xornadas pode consultarse na web http://mulleresnahistoria.blogspot.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2011.