Humanidades analiza a pegada beneditina no desenvolvemento socieconómico da rexión miñota
A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC afonda un chanzo máis no estudo da fonda pegada deixada San Benito e, sobre todo, da incidencia social e económica relacionada cos mosteiros ligados á orde relixiosa por el impulsada e de gran presenza na rexión miñota, cunha investigación sobre o santuario de São Bento da Porta Aberta como motor de desenvolvemento das Terras de Bouro, na provincia do Minho.
A tese de doutoramento ‘O culto a São Bento da Porta Aberta (Rio Caldo, Terras de Bouro) como factor de desenvolvemento local e rexional’, realizada polo investigador luso António José Ferreira Afonso baixo a dirección do catedrático e profesor ad honorem da USC na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo Xaquín Rodríguez Campos, debulla polo miúdo a importante influencia desta basílica localizada no Concello de Terras de Bouro (Braga) e das actividades relacionadas co culto a San Benito no desenvolvemento socioeconómico da rexión. O santuario de São Bento da Porta Aberta, cuxa construción se remonta a comezos do século XVI, acadou a consideración de basílica menor o 21 de marzo de 2015, xusto cando se cumprían catro séculos da súa fundación.
A investigación desenvolvida por António José Ferreira Afonso comeza cunha aproximación á figura de San Benito, padrón de Europa, e ao cometido que os monxes beneditinos tiveron na fundación e consolidación da nación portuguesa. Logo desta achega inicial, o investigador analiza as orixes e a evolución experimentada en Portugal do culto a San Benito, que ten unha orixe popular, para logo identificar e explicar as distintas alteracións iconográficas apreciadas nas diversas recreacións da figura de San Benito, ademais de rematar cunha proposta de rede de camiños de peregrinación ao santuario de São Bento da Porta Aberta que descorren pola provincia miñota.
A primeira parte da tese constitúe pois unha sorte de peregrinación polos 24 concellos miñotos, a través da que Ferreira Afonso contextualiza a orixe do santuario, localizado na vertente sur da serra do Xurés e moi preto da albufeira da Caniçada, na provincia miñota do norte de Portugal, na que hai “moitas pegadas beneditinas”. Daquela, o investigador referencia no seu estudo todos os santuarios, igrexas, capelas e nichos construídos nos últimos séculos con advocación a San Benito.
Historia da basílica
A historia do santuario/basílica de São Bento da Porta Aberta desde a súa fundación ata a actualidade centra outro dos capítulos desta investigación de doutoramento, a través da que o seu autor relata a transformación dunha pequena capela no segundo maior centro de peregrinación de Portugal, tan só por detrás de Fátima.
A investigación de doutoramento desenvolvida por Ferreira Afonso na Facultade de Humanidades de Lugo constitúe pois o primeiro estudo académico sobre o santuario de São Bento da Porta Aberta, ao tempo que constitúe un documento que ofrece unha minuciosa cronoloxía do proceso evolutivo experimentado por esta basílica na que tamén se inclúen os nomes dos principais obreiros -mestres pedreiros e carpinteiros, entalladores, pintores, douradores, enxeñeiros, arquitectos...-, que participaron na súa construción, así como unha relación dos membros da parroquia e da irmandade/confraría.
Alén desta exhaustiva documentación, este investigador luso compila na súa tese boa parte dos ritos cultuais realizados no santuario, ao tempo que dá conta dunha ampla relación dos principais ex votos e da súa interpretación.