O III Congreso Internacional de Historia e Cine revisa na USC os modelos de interpretación para o cine histórico
O paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia reúne dende este xoves 3 e ata o sábado 5 a expertos e expertas europeas no III Congreso Internacional de Historia e Cine para reflexionar sobre os modelos de interpretación para o cine histórico. O director Bertrand Tavernier pronunciará a conferencia de clausura. Esta é unha acción formativa que coordina o catedrático de Historia do Cine da USC Luis Hueso e na que tamén participan na organización docentes das universidades de Barcelona, Carlos III de Madrid e Santiago, así como do proxecto de investigación ‘Modelos de Interpretación en el cine histórico español’. A inauguración do congreso presidiuna o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; e contou ademais coa intervención do secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro; do catedrático e coordinador do congreso, Luis Hueso; e do decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso. Asistiron ademais o director xerente do Consorcio Audiovisual Galego, Anxo Quintanilla; e o director do Departamento de Historia da Arte, Enrique Fernández Castiñeiras. Deseguido, o profesor de Historia na División de Humanidades e Ciencias Sociais do Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) e especialista en Historia Moderna e en Historia do Cine, Robert Rosenstone, abriu o programa do congreso coa conferencia ‘The Historical Film as a Field, a Mode of Through, and a Pack of Tricks We Play Upon The Dead’. O profesor Rosenstone propuxo unha reflexión sobre as posibilidades da imaxe cinematográfica para recrear o pasado e, sobre todo, formulou unha serie de interrogantes sobre a incardinación das películas históricas en momentos concretos da sociedade presente, a forma como os responsables das películas envorcan nelas as súas inquietudes e concepcións da vida e a necesidade de formular o reto de facer historia a través das imaxes. Seguiulle o catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Salamanca José A. Pérez Bowie cun relatorio no que abordou os criterios cos que a literatura do século XIX foi utilizada en épocas diferentes do cine español para ofrecer visións determinadas do pasado. Esta primeira sesión complétase coa presentación a partir das 16.30 horas do proxecto de investigación ‘Modelos de Interpretación do cine histórico español’, a cargo de Luis Hueso, do catedrático da Universidade de Barcelona José Mª Caparrós e da profesora da Universidade Carlos III Gloria Camarero. O programa do venres 4 comezará ás 10.00 horas coa presenza do catedrático de Historia da Comunicación Social na Universidade Complutense de Madrid Julio Montero para falar sobre a investigación histórica e documental. Membro da International Association for Media and History dende 2004, é organizador das Xornadas Internacionais de Historia e Cine da Universidade Complutense dende 1995, creador dos posgraos de Realización de Guións de Audiovisuais Históricos e Realización de Documentais Históricos, e coordinador dos programas de doutoramento do Departamento de Historia da Comunicación Social desa Universidade, ‘Comunicación de Masas: Información, Entretemento e Propaganda’ e ‘Comunicación de Masas: Información e Propaganda’. Seguiralle, a partir das 11.00 horas, Matteo Sanfilippo, profesor asociado de Historia Moderna e director do Departamento de Ciencias Humanas da Universidade da Tuscia (Italia). É autor dunha vintena de monografía sobre teoría e historia da comunicación en Canadá e Estados Unidos, a relacións entre historia e cine ou sobre o estudo da emigración italiana, así como numerosos ensaios científicos e artigos divulgativos e colaboracións en varias publicacións electrónicas. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade do País Vasco Santiago de Pablo completará esta sesión matinal cunha reflexión sobre ‘Cine histórico e nacionalismo vasco: un modelo de interpretación’. É membro da Asociación Internacional Film-Historia, da Asociación de Historia Contemporánea, da Asociación Española de Historiadores do Cine, da Fundación Filmoteca Vasca-Euskadiko Filmategia ou da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España. Participou na rede internacional de coñecemento Raíces (Historia e problemas do século XX) con profesores de Arxentina, Francia, Israel, Estados Unidos, Suíza e España dende 2008. Este segundo día do encontro completarase cunha proxección e posterior debate sobre Buscando el paraíso (Manuel Gómez, 2011) a partir das 19.30 horas. Tavernier Na terceira e derradeira xornada do congreso, o sábado 5 será a quenda para a presentación de comunicacións. A conferencia de clausura corresponderalle a Bertrand Tavernier, director e guionista francés que aborda diferente xéneros a partir de tramas de gran contido ideolóxico. A intervención de Tavernier, programada para ás 12.30 horas, leva como título ‘L’Histoire et mon cinéma’. A filmografía de Tavernier, considerado un dos realizadores franceses máis importantes da actualidade, ofrece algunhas das reflexións máis interesantes sobre a sociedade francesa e os momentos máis singulares da súa historia contemporánea como son os grandes traumas que supuxeron as dúas guerras mundiais. Debuta como director coa adaptación da novela de Georges Simenon O reloxeiro de St. Paul, ao que lle seguirán outros títulos como o drama histórico Que a festa comece, o drama psicolóxico O xuíz e o asasino, ou A morte en directo. En anos posteriores profunda nos dramas individuais, familiares e sociais con títulos como Arredor da media noite ou Un domingo no campo. Durante a década dos 90 realizou varios documentais, destacando un dos seus traballo máis aclamados polo público A carnaza (1995) unha polémica visión da mocidade francesa. Os seus máis recentes traballos son A pequena Lola (2004), No centro da tormenta (2009) e A princesa de Montpensier (2010). Os seus traballo téñenlle valido numerosos recoñecementos como o Oso de Prata de Berlín, diversos premios ao Mellor Director e Guión Orixinal da Academia Francesa de Cine ou do Círculo de Críticos de Nova York, entre outros.
Este director está a ser ao longo de toda a semana o protagonista dun ciclo de proxeccións que comezou o pasado luns e no que se visionarán a súa filmografía máis significativa como O xuíz e o asasino (1975), Un domingo no campo (1984), O reloxeiro de Saint Paul (1974), Capitán Conan (1996) e Salvoconduto (2002). As sesións serán na Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín (rúa do Vilar) ás 20.00 horas, con acceso libre.