Iniciativa solidaria en Formación do Profesorado
Os doce traballadores que integran o colectivo de persoal de administración e servizos da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo e os responsables da cafetería do citado centro universitario financiaron a compra de preto de 50 quilogramos de víveres non perecedoiros que agora entregarán ao banco de alimentos para que proceda á súa distribución entre as persoas necesitadas.
A iniciativa solidaria desenvolvida por este colectivo universitario pretende servir de pequena axuda a todas aquelas persoas que atravesan momentos de dificultade, ao tempo que busca tamén sensibilizar á poboación sobre a necesidade de axudar aos máis desfavorecidos.
Os promotores desta modesta acción altruísta comentaron que os víveres subministrados son moi variados e, entre outros produtos, inclúen leite, galletas, conservas, pastas, zumes, arroz, lentellas... Asemade, o PAS de Formación do Profesorado non descarta desenvolver outras accións semellantes ao longo do ano.