Inmaculada Tomás convértese na primeira odontóloga en tomar posesión como numeraria na Academia de Ciencias Odontolóxicas de España
A catedrática da área de Estomatoloxía no Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas da USC, Inmaculada Tomás, converteuse este venres 14 na primeira muller odontóloga que toma posesión como numeraria na Academia de Ciencias Odontolóxicas de España. No acto que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, a profesora pronunciou o discurso ‘A aplicación da intelixencia artificial no avance das ciencias odontolóxicas’, ao que deu resposta o profesor Juan Manuel Seoane Lestón. A sesión estivo presidida polo reitor Antonio López, quen estivo acompañado na mesa presidencial polo presidente da Academia das Ciencias Odontolóxicas de España, Antonio Bascones Martínez; e os académicos Andrés Blanco Carrión, David Suárez Quintanilla e Ángela Aneiros Ardau, ademais do profesor Seoane Lestón.
No preámbulo do seu relatorio, a profesora Tomás lembrou os seus 22 anos de vinculación coa USC, institución na que descubriu unha das súas grandes vocacións: a odontoloxía en pacientes con necesidades especiais, “un ámbito clínico desafiante que me expón retos diarios, pero tamén me achega grandes satisfaccións e experiencias inesquecibles cos nosos pacientes”. Inmaculada Tomás tamén tivo verbas de agradecemento para o equipo co que comparte traballo cada día, “un equipo dinámico de mozos e mozas profesionais, ben formadas, con valores éticos e persoais, con espírito de traballo en equipo, que contribúen ao avance do noso Servizo Clínico Universitario co fin último de satisfacer o mellor posible as necesidades dos nosos pacientes”.
Logo de profundar na aplicación da IA na evolución da odontoloxía, a profesora Tomás lanzou unha reflexión final sobre a distopía da substitución do médico ou do dentista pola intelixencia artificial. “A práctica da Medicina e da Odontoloxía esixe dun perfil específico baseado en valores como o altruísmo, a compaixón e a empatía, e nisto o ser humano non ten competencia”, concluíu Inmaculada Tomás.
Traxectoria
A profesora Tomás foi, entre os anos 2011 e 2014, membro do equipo decanal da Facultade de Medicina e Odontoloxía, en calidade de vicedecana de Odontoloxía. Na actualidade, é coordinadora da Unidade Clínica e de Investigación en Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais e coordinadora do grupo de investigación ‘Oral Sciences Research Group’ da USC, pertencente á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS). Inmaculada Tomás tamén é investigadora colaboradora en institucións internacionais como o Eastman Dental Institute, Queen Mary University of London e King’s College London.
Editora asociada de varias revistas científicas JCR de alto impacto, a profesora recibiu numerosos premios de investigación outorgados por sociedades científicas internacionais ou estatais, así como por entidades públicas e privadas. Alberga tres patentes con rexistro estatal e participou en 25 proxectos, tanto competitivos de I+D+i de índole estatal (financiados polo Instituto de Saúde Carlos III) e rexional, como contratos con empresas internacionais do sector biomédico como Johnson and Johnson e Lacer. En quince destas actividades foi investigadora principal, das cales oito son proxectos competitivos e sete, contratos con empresas.
Inmaculada Tomás é autora do libro de referencia na materia Odontoloxía en Pacientes con Necesidades Especiais, publicado en 2022, e participou na elaboración de máis de 110 publicacións en revistas con índice de impacto, máis de 25 capítulos de libros e ten dirixido 17 teses de doutoramento, oito das cales recibiron o Premio Extraordinario de Doutoramento en Ciencias da Saúde na USC.
Liñas de investigación
O grupo de investigación que lidera, ‘Oral Sciences Research Group’ na USC e o FIDIS, está centrado actualmente no entendemento e diagnóstico das enfermidades orais humanas mediante a aplicación e desenvolvemento de técnicas bioinformáticas en tecnoloxías ómicas; así como no diagnóstico odontolóxico sobre imaxes da cavidade oral mediante a aplicación e desenvolvemento de técnicas de intelixencia artificial.
“Respecto á primeira liña de investigación, fomos o primeiro grupo no noso país que realizou a caracterización bioinformática do microbioma oral asociado á periodontite e a saúde periodontal”, matiza. Respecto á segunda liña de investigación, coa finalidade de proporcionar o diagnóstico automatizado da idade cronolóxica e o sexo sobre imaxes radiolóxicas, desenvolveron Dentius Age, un software baseado en redes neuronais profundas de elevada precisión que pode traballar coa imaxe completa, seleccionando exclusivamente a mandíbula ou exclusivamente os dentes mandibulares. Co propósito de cuantificar de forma automatizada os niveis de placa dental, desenvolveron diversos softwares, establecéndose o primeiro protocolo automatizado de análise da placa, tanto a nivel macroscópico como microscópico, que permite avaliar in situ os patróns de evolución en distintas condicións clínicas, así como a eficacia de diferentes medidas de hixiene oral.