Ir o contido principal

Unha investigación de Enfermaría afonda na mortalidade infantil nas UCIs pediátricas en España

Clase práctica de Enfermaría. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
Clase práctica de Enfermaría. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
A tese de doutoramento de Carmen Agra súmase ás defendidas nos últimos anos nesta facultade da USC, reflexo dunha incorporación cada vez maior das persoas graduadas aos estudos de doutoramento e ás actividades investigadoras neste eido
Santiago de Compostela

A tese de doutoramento Aspectos éticos no final da vida dos nenos: modos de falecemento e actitudes ante a adecuación de terapias, defendida na Facultade de Enfermaría da USC pola investigadora Carmen Agra, profunda nos xeitos en que falecen os nenos e nenas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) pediátricas en España, así como nas características dos cativos e cativas nos que se realizan procesos de adecuación das terapias ao final da vida. Esta investigación súmase ás defendidas nos últimos anos nesta facultade da USC, reflexo dunha incorporación cada vez maior das persoas graduadas aos estudos de doutoramento e ás actividades investigadoras neste eido.

Carmen Agra avaliou as actitudes dos pediatras, tanto de Atención Primaria como de Unidades de Coidados Intensivos en relación coas tomas de decisións compartidas “en situacións que expoñen conflitos éticos”, sinala. “Trátase de estudos novos que achegaron datos de referencia que servirán para mellorar os coidados dos nenos na fase final da súa vida, proceso no que o persoal de enfermería debe xogar un papel fundamental”, explica a investigadora.

Esta tese de doutoramento, merecedora da cualificación de sobresaliente cum laude, está dirixida polo catedrático Antonio Rodríguez Núñez e foi realizada por compendio de publicacións científicas en revistas de impacto bibliométrico. A profesora da Universidade de Oviedo e experta en  bioética, Isolina Riaño Galán; a especialista en Medicina Interna do Hospital  Vall de  Hebrón de Barcelona e ex-profesora da USC, Isabel Campos Varela; e a profesora e  vicedecana da Facultade de Enfermería da USC Raquel Rodríguez González, integraron o tribunal encargado de avaliar a investigación.

Carmen Agra no acto de defensa
Carmen Agra no acto de defensa
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2020.