Ir o contido principal

Un investigador de Ciencias da Comunicación comproba o aumento cuantitativo e a mellora cualitativa da información dedicada ao baloncesto na prensa

A tese de Carlos Toural obtivo a cualificación de apto
A tese de Carlos Toural obtivo a cualificación de apto

O investigador do grupo Novos Medios Carlos Toural Bran considera que a información deportiva sobre baloncesto experimentou un “aumento cuantitativo” no referente ao espazo que os xornais lle dedican a esta modalidade deportiva, así como unha “mellora cualitativa” que ten na aparición das reportaxes e entrevistas como xéneros elixidos un dos seus mellores síntomas. Esta é unha das conclusión da súa tese ‘A información deportiva sobre baloncesto nos medios de comunicación españois’, dirixida por Xosé López e Xosé Pereira, e cualificada polo tribunal presidido por Rosario de Mateo con apto cum laude. Esta tese de doutoramento analizou a presenza da información deportiva sobre baloncesto nos medios de comunicación xeralistas en España durante a primeira década do século XXI. Os obxectivos básicos da investigación estruturáronse arredor de dous eixos básicos: por unha banda, estudar a información deportiva como área de capital importancia no ámbito do xornalismo en particular e no da comunicación en xeral e, por outra banda, contribuír a xerar coñecemento no marco da Sociedade da Información e do Coñecemento. Para profundar neste eido, Carlos Toural estudou aqueles elementos dos medios impresos que contribúen a conformar a figura da información deportiva sobre baloncesto: espazo concedido, fontes que se contactan, emprego de fotografías, ou estudo dos xéneros xornalísticos utilizados, entre outros. Ademais referiuse tamén ao discurso da información deportiva sobre baloncesto como unidade creadora de significación no marco contextualizador da Sociedade da Información e o Coñecemento. Os obxectivos deste traballo de investigación conflúen nunha meta común: crear un referente no estudo contemporáneo da información deportiva sobre baloncesto, parcela do ecosistema mediático que acapara boa parte da atención das audiencias de medios na actualidade –n este senso, o investigador lembra que os xornais deportivos se sitúan entre os máis lidos en España -.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2013.