Iria Seijo Porto, premio á excelencia nos estudos de Odontoloxía
A alumna Iria Seijo Porto acaba de recibir os Premios á Excelencia nos estudos de Odontoloxía correspondentes á promoción 22/23. Este recoñecemento busca recoñecer o estudantado que obtivo o mellor expediente académico da súa promoción e está promovido pola Conferencia de Decanos das Facultades de Odontoloxía de España (CRADO) co patrocinio de Fenin.
“Esta é unha recompensa a estes cinco anos de traballo duro”, explica Iria Seijo, quen se amosou moi honrada por ter a oportunidade de representar o alumnado de Odontoloxía da USC. Para a premiada, este tipo de recoñecementos son claves de cara ao futuro xa que sempre “abren portas”, afirma con respecto ao futuro laboral.
A entrega de premios celebrouse na Facultade da Universidade Complutense de Madrid e nela tamén interveu a vicedecana da Facultade da USC e secretaria de CRADO, María Jesús Mora. No acto de entrega, o presidente de CRADO Lluis Giner lembrou ao alumnado premiado que a profesión vive “un momento apaixonante” ante os retos que asume pola incidencia das tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial ou a realidade aumentada. Animounos a asumir o seu papel como “actores importantes na saúde oral e xeral dos nosos pacientes”.