Ir o contido principal

Karate e taekwondo aumentan o número de núcleos de adestramento para deportistas de alto nivel na USC

O reitor Antonio López, no centro, presidiu a sinatura dos convenios coas federacións. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López, no centro, presidiu a sinatura dos convenios coas federacións. FOTO: Santi Alvite
Os equipos da Universidade nestas disciplinas deportivas participarán nos campionatos de España universitarios e desenvolverán actividades de divulgación

A oferta deportiva da USC increméntase coa creación dun núcleo de adestramento especializado de karate e doutro de alto nivel para taekwondo. Para regular estas actividades, o reitor da USC, Antonio López, acaba de asinar senllos convenios co presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, Óscar Lafuente, e o co presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz, nun acto no que tamén participou o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, e unha representación de estudantes que practican estas disciplinas deportivas. Os acordos tamén permitirán a deportistas universitarios tomar parte nos campionatos de España universitarios, a utilización das instalacións universitarias por membros das dúas federacións ou a realización de actividades de benvida e exhibición, entre outras.

O convenio coa Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas (como kenpo, nihon tai-jitsu e kung-fu) estrutúrase en dous grupos de traballo na modalidade de kumite (combate): un grupo de rendemento integrado inicialmente por sete deportistas maiores de categoría absoluta (maiores de 18 anos) e un grupo de seguimento composto inicialmente por 12 deportistas de categorías xuvenil e cadete (idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos); tamén se realizarán adestramentos destinados a outros membros da selección galega de karate, das modalidades de kata (técnica) e kumite (combate), das diferentes categorías. Polo que respecta a taekwondo, que xa comezou a súa actividade o pasado ano, configúrase como núcleo de adestramento de alto nivel para este deporte. Nas dúas disciplinas deportistas universitarios representarán a USC nos campionatos de España universitarios.

Apertura á cidadanía
Estas dúas novas colaboracións reforzan a liña de traballo que a USC desenvolve na construción dun tecido colaborativo con entidades deportivas e federacións da contorna da Universidade compostelá. Deste xeito, a Universidade reitera a súa vontade de facer dos seus espazos un punto de convivencia que sirva de utilidade á veciñanza e á contorna deportiva de Compostela.

Neste senso, os vínculos tecidos pola USC non se limitan ás federacións, senón que tamén abranguen os clubs cos que a institución académica colabora en múltiples accións. A colaboración con entidades deportivas inclúe a organización de campionatos, núcleos de adestramento especializado ou diversas actividades formativas, tamén por exemplo en materia de arbitraxe. En concreto a colaboración da USC abrangue xa acordos coas federacións galegas de atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, fútbol, judo, karate, natación, orientación, rugby, taekwondo, tenis de mesa, tríatlon e voleibol.

Proba do compromiso da institución compostelá co deporte e co tecido que o sustenta, é o investimento que cada ano se realiza na programación deportiva e que xa supera a barreira dos tres millóns de euros en cómputo anual, contía fornecida na súa totalidade pola USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2024.