Ir o contido principal

O libro ‘Termos esenciais de dereito constitucional’ recolle 788 expresións xurídicas en galego coas súas equivalencias en castelán

A secretaria xeral da USC e o decano de Dereito -no centro da imaxe- durante a presentación do libro e as unidades didácticas. Foto Alfonso
A secretaria xeral da USC e o decano de Dereito -no centro da imaxe- durante a presentación do libro e as unidades didácticas. Foto Alfonso
O volume foi presentado este martes xunto a doce unidades didácticas

O libro ‘Termos esenciais de dereito constitucional, galego-español’ da profesora Begoña López Portas, xunto a once unidades didácticas doutros tantos autores foron presentados este martes na Facultade Dereito. As obras forman parte da campaña ‘Témoslle lei’, que ten por obxecto aumentar e mellorar o uso do galego na docencia e no estudantado para levalo a un terzo, na actualidade é dun 12 por cento na licenciatura; e dun 22,4 por cento no grao. O volume, editado polo Servizo de Publicacións da USC, contén 788 termos no eido do dereito constitucional en galego, coas súas equivalencias en castelán. Pola súa banda, as unidades didácticas recollen temas específicos, que abordan temas como ‘As capitulacións matrimoniais’, ‘O contrato vitalicio’, ‘As penas privativas de liberdade’ ou ‘A Unión Europea e o individuo’. A partir dunha acción formativa, o profesorado elabora unha publicación en galego para apoiar a docencia das súas materias. A colección de Unidades Didácticas da USC naceu hai tres anos, a proposta da Comisión de Normalización de Psicoloxía e coa colaboración do Servizo de Normalización, co obxectivo de mellorar a docencia e impulsar o uso do galego. Na actualidade, hai publicadas 60 unidades, que poden consultarse no enlace http://www.usc.es/snl/dinamiza/UD_public.htm. O libro ‘Termos esenciais do dereito constitucional’ e as once unidades didácticas de temas xurídicos foron presentadas este martes na Facultade de Dereito pola secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; o deputado provincial Xoán Manuel Sande; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés; a coordinadora da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito, Antonia Nieto, e as autoras e autores das publicacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2011.