Ir o contido principal

Lugo "soñou" cun hospital durante tres séculos ata que en 1930 se inaugurou o de Santa María, sinala unha investigación da USC

Ana Goy, á esquerda, con María Jesús Regueiro, na Facultade de Humanidades
Ana Goy, á esquerda, con María Jesús Regueiro, na Facultade de Humanidades
A tese de doutoramento realizada por María Jesús Regueiro e dirixida por Ana Goy aborda un estudo interdisciplinar dos hospitais lugueses entre 1621 e 1930

A primeira investigación de doutoramento presentada na USC cunha temática directamente vinculada coa do Centro de Estudos de Historia da Cidade de Lugo sinala que a capital luguesa "soñou" cun hospital durante máis de tres séculos, desde 1621 ata 1930, data na que se inaugurou o Hospital de Santa María no edificio que acolle na actualidade dependencias da Deputación Provincial de Lugo, segundo conclúe a investigadora luguesa María Jesús Regueiro Burgo na tese de doutoramento ‘O sono dun hospital: Estudo da arquitectura asistencial e dos coidados en Lugo’, que vén de presentar na Facultade de Humanidades e que está dirixida pola académica e profesora da USC Ana Goy Diz.

A investigación de carácter humanística e sanitario desenvolvida ao longo de oito anos por Regueiro Burgo, unha enfermeira que tamén completou a licenciatura en Humanidades na USC, presenta un marcado carácter interdisciplinar, xa que aborda o estudo dos hospitais da cidade de Lugo desde 1621 a 1930 desde o ámbito histórico, artístico e patrimonial. Daquela, este estudo heteroxéneo que permite centrarse na análise dos edificios, da súa organización, administración e xestión, así como no estudo dos coidados e dos tratamentos que ao longo destes tres séculos se dispensaron aos enfermos na cidade amurallada. Para a elaboración da súa tese de doutoramento, Regueiro Burgo realizou un estudo polo miúdo dos fondos documentais referidos a hospitais e á beneficencia en Lugo que se conservan no Arquivo Histórico Nacional de Madrid, no Arquivo Histórico Provincial de Lugo e de Ourense, Arquivo Diocesano de Lugo, Arquivo do Museo Provincial de Lugo, Arquivo Militar de Madrid, Segovia e Ávila, Arquivo Cartográfico e de Estudos Xeográficos do Exército, Arquivo Xeral de Simancas, Arquivo da Deputación de Lugo, Arquivo do Reino de Galicia, así como os que se atopan no Arquivo da Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid. No marco deste laborioso traballo, Regueiro Burgo salienta como especialmente interesante a colección de planos antigos do Cuartel de San Fernando, que funcionou como Hospital de Inválidos Inhábiles, do Hospital de Isabel II, coñecido na actualidade como Pazo de San Marcos, que acubilla a sede da Deputación Provincial, ou do Hospital Xeral de Santo Domingo. Un amplo compendio documental que ata o momento era inédito, di a autora. Outra das achegas da tese realizada por María Jesús Regueiro Burgo é a que atinxe á aproximación á organización sanitaria desde o Antigo Réxime até os comezos do século XX. Deste xeito, a autora analiza na súa investigación a evolución das distintas profesións sanitarias e dos coidados hospitalarios que se prestaron á poboación non só de forma cotiá senón tamén naqueles momentos de epidemias, tales como o foro os episodios de febre amarela e o cólera que mobilizaron todos os recursos. Tribunal de tese e cualificación O catedrático do Departamento de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por María Jesús Regueiro Burgo e que mereceu a cualificación de sobresaínte cum laude. O doutor da Universidade de Estremadura e director da Real Academia de Estremadura, Francisco Javier Pizarro Gómez; a profesora da USC Rosa Margarita Cacheda Barreiro, e o profesor da Universidade da Coruña, Francisco Javier Louzao completaron a relación de membros do tribunal, do que actuou como secretario o tamén profesor da USC e actual vice decano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Francisco Fernández Suárez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2016.