Ir o contido principal

Medicina e Odontoloxía é un das cinco facultades españolas ás que a empresa Dentsplay doa material clínico para todo o curso

A xuntanza celebrouse no decanato da Facultade de Medicina. Foto: Servimav-USC
A xuntanza celebrouse no decanato da Facultade de Medicina. Foto: Servimav-USC

A Facultade de Medicina e Odontoloxía e un dos cinco centros de toda España aos que a empresa Dentsplay proporciona de xeito gratuíto o material necesario para o seu uso nas sesións clínicas de Odontoloxía durante todo un ano. Para o presente curso, o alumnado de 4º e 5º de Odontoloxía e do máster en Odontoloxía Conservadora contará con 175 reposicións do composite Ceram.X, para a administración de empastes. O desenvolvemento desta liña de colaboración entre a USC e Dentsplay foi o tema dunha xuntanza de seguimento na que participaron este xoves 5 o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal; o director de Dentsplay para España e Portugal, Agustín Sánchez; e a vicedecana, Inmaculada Tomás. Tamén asistiron Benjamín Martín Biedma e Purificación Varela, coordinadores do programa en 4º grao de Odontoloxía e membros da Unidade de Patoloxía e Terapéutica Dental; a coordinadora do programa en 5º curso e membro da Unidade de Odontoloxía Integrada en Adultos, Mercedes Suárez-Cunqueiro; e o integrante da Unidade de Patoloxía e Terapéutica Dental, José Bahillo. O profesor Benjamín Martín Biedma será o coordinador da utilización do material, do que o 35% estará destinado ás sesións clínicas de 5º curso, o 30% para as de 4º, o 25% para o Máster e o 10% restante para o profesorado. De xeito mensual, semestral e anual, o equipo docente achegará a Dentsplay a súa valoración do produtos subministrado, ademais de proporcionar un estudo clínico con Ceram.X para a súa publicación nunha revista do ámbito dental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2013.