A Mesa Galega de Educación no Rural presenta en Formación do Profesorado as súas alternativas á política educativa no rural
A Mesa Galega de Educación no Rural, unha plataforma que integra diversos colectivos galegos preocupados pola educación no medio rural, entre os que se atopan movementos de renovación pedagóxica, asociacións educativas, profesorado universitario e organizacións sindicais, presentará este mércores, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, o documento no que recolle as alternativas deste colectivo fronte á actual política educativa desenvolvida nas áreas rurais.
O documento elaborado pola Mesa de Educación no Rural amosa a postura desta plataforma a prol dunha educación no medio rural galego contextualizada, que lles permita ás persoas que viven no medio rural exercer ou beneficiarse do dereito á educación con dignidade e en igualdade respecto doutros contornos. Revisado e actualizado coas achegas feitas por numerosos colectivos e persoas implicadas na defensa do mundo rural, a Mesa fai neste documento unha análise da situación educativa no ámbito rural galego, ao tempo que achega abondosas propostas para enfrontar as problemáticas advertidas, sempre dentro dun marco xeral de desenvolvemento integral multisectorial e endóxeno do medio rural galego. A Mesa Galega de Educación no Rural estará representada neste acto por membros de Nova Escola Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Antonio Gandoy, entre outras entidades. Ao remate da presentación, os representantes da Mesa abrirán un diálogo co público asistentes, ao que se lle entregará o documento.