Mesa redonda sobre experiencias educativas na etapa de Educación Infantil en Formación do Profesorado
A coordinadora xeral do Prácticum na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC, Uxía Garrido, organiza este xoves, a partir das 17.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués, unha mesa redonda, durante a que se presentarán tres experiencias educativas que se desenvolven na etapa de Educación Infantil en centros educativos da provincia de Lugo que dende hai anos colaboran coa Facultade de Formación do Profesorado na formación do alumnado a través dos Prácticum.
Esta sesión está orientada especialmente á participación do alumnado do Prácticum II do Grao en Mestra/Mestre de Educación Infantil, pero a asistencia está aberta tamén a todo o estudantado interesado, así como ao público en xeral. A mesa redonda sobre experiencias educativas na etapa de Educación Infantil contará nesta ocasión coa participación de mestres e mestras de tres centros educativos da provincia de Lugo, como o son o CPR San José, CPI Castroverde e CPR Fingoi. A mestra de Educación Infantil no CPR San José da capital luguesa Marta Carballo exporá nesta xornada o traballo que desenvolve para estimular o xogo simbólico co alumnado de P4 durante a xornada escolar. A directora do CPI de Castroverde, Ana M. Pérez Veiga e a mestra de Educación Infantil no citado centro educativo Milagros Candal Riveiro, aproveitarán a celebración desta mesa redonda para presentar sucintamente o proxecto de Comunidades de Aprendizaxe, centrando as súas intervencións nas actividades de apadriñamento co alumnado de Infantil. Nesta mesma liña de traballo, o educador ambiental na Ganxa Escola de Barreiros Jorge Gude exporá as actividades que desenvolven nestas instalacións co alumnado de Educación Infantil do CPR Fingoi.