As metodoloxías e os recursos de ensino e aprendizaxe práctica das ciencias centran un obradoiro na USC
As metodoloxías e os recursos para ensinar e aprender ciencias participando nas prácticas científicas e a temática do obradoiro que se desenvolverá do 20 ao 22 de xullo na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición neste programa formativo incluído na Universidade de Verán 2015 da USC poderán facelo ata o 10 de xullo.
Dirixido polas profesoras do Departamento de Ciencias Experimentais da USC Beatriz Crujeiras e Paloma Blanco Anaya, o obradoiro sobre Metodoloxías e recursos para ensinar e aprender ciencias participando nas prácticas científicas pretende proporcionar aos participantes distintas metodoloxías e recursos que poidan empregar na súa práctica docente, ao tempo que tratará de analizar as estratexias que se deberían empregar para conseguir a participación do alumnado nas prácticas científicas de forma satisfactoria. A análise das características do enfoque ensino e aprendizaxe práctico das ciencias, a práctica científica da modelización, o uso de analoxías nas aulas de ciencias, o deseño de tarefas de modelización, a indagación, e a argumentación serán os eixos temáticos dos distintos relatorios e obradoiros prácticos que se desenvolverán no marco deste programa da Universidade de Verán 2015 da USC.