Ir o contido principal

O nivel de reflexibilidade cognitiva predí resultados académicos e ocupacionais

O desenvolvemento do concepto de RC parte dos Modelos Duais de Procesamento onde se defende que o razoamento humano está guiado por dous tipos de procesamentos cognitivos. Foto: Santi Alvite
O desenvolvemento do concepto de RC parte dos Modelos Duais de Procesamento onde se defende que o razoamento humano está guiado por dous tipos de procesamentos cognitivos. Foto: Santi Alvite
A investigación foi desenvolvida na Facultade de Relacións Laborais por Inmaculada Otero Moral
Santiago de Compostela

A reflexibilidade cognitiva é unha variable principalmente cognitiva que predí comportamentos relevantes no ámbito académico e ocupacional. Esta é a principal conclusión á que chega unha investigación pioneira na USC que aborda a medida e o concepto da Reflexibilidade Cognitiva (RC) no eido da Psicoloxía do Traballo. Seguindo a teoría proposta polo psicólogo Daniel Kahneman no libro Thinking fast and slow, a análise de Inmaculada Otero Moral suxire que o modo en que procesamos a información da nosa contorna afecta á toma de decisións e comportamentos de estudantes e traballadores.

O desenvolvemento do concepto de RC parte dos Modelos Duais de Procesamento onde se defende que o razoamento humano está guiado por dous tipos de procesamentos cognitivos. Un automático e intuitivo, que opera de forma rápida e con pouco ou ningún esforzo; e outro analítico e reflexivo, que opera de forma máis lenta e con esforzo e concentración. Para avaliar este construto, desenvolveuse o Test de Reflexibilidade Cognitiva (TRC-3). Autores de moi diversas disciplinas interesáronse en validar este instrumento, con todo, tal e como explica a autora, “esta ferramenta ten sido pouco analizada no ámbito da Psicoloxía do Traballo”. 

Inmaculada Otero Moral
Inmaculada Otero Moral

A tese de doutoramento de Inmaculada Otero Moral, defendida na Facultade de Relacións Laborais, desenvolve catro estudos empíricos verbo do concepto obxecto de estudo. “No primeiro dos estudos analízanse as propiedades psicométricas dunha nova medida de  RC ( TRC-13) e compáranse os resultados cos atopados no test orixinal ( TRC-3). Os datos mostran que o novo test é un instrumento adecuado de avaliación da  RC e que presenta mellores propiedades  psicométricas que o  TRC-3. Tamén se suxire que os homes tenden a alcanzar puntuacións significativamente máis altas que as mulleres”, explica Otero Moral.

No segundo estudo explóranse os efectos da orde de presentación dos  ítems do test sobre o resultado e o tempo de resposta ao TRC-13. “Os resultados conclúen que colocando os tres  ítems orixinais no medio dos novos, pódense mellorar os resultados no  TRC-13 e nos tres  ítems orixinais. Tamén se mostra que a orde de presentación dos  ítems non afecta ao tempo invertido en responder ao TRC-13, aínda que si incrementa significativamente o tempo de resposta aos ítems orixinais ou novos cando estes se posicionan ao comezo do test”, sinala a investigadora.

O terceiro dos estudos examina a validez de construto e de criterio do TRC. Os resultados mostran que a  RC é un construto principalmente cognitivo, e que apenas se relaciona con variables de personalidade, tales como disposicións de pensamento e os cinco factores de personalidade. Asemade, suxire que as variables que determinan a RC en homes e mulleres poderían ser diferentes. Finalmente, móstrase que a  RC é un  preditor válido de diversos criterios académicos e ocupacionais e que contribúe na predición múltiple engadindo validez sobre outras variables. 

No cuarto estudo preséntanse tres meta-análises sobre a validez do construto e de criterio do  TRC. No primeiro deles, confírmase a relación entre a capacidade cognitiva e a  RC. No segundo, estímase a validez teórica e operativa e a xeneralización da súa validez para predicir o desempeño académico. No terceiro meta-análise determínase o tamaño do efecto teórico das diferenzas en función do sexo e confírmase que os homes alcanzan puntuacións máis altas no TRC que as mulleres.

Tribunal de tese e cualificación
O tribunal da tese estivo presidido por Jorge Sobral Fernández, catedrático da área de Psicoloxía Organizacional, Xurídico-Forense e Metodoloxía das Ciencias do Comportamento na USC. Os restantes membros foron Francisco José Medina Díaz da Universidade de Sevilla e Amparo Osca Segovia, da UNED. A tese de doutoramento obtivo a cualificación de sobresaliente Cum Laude. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2019.