Ir o contido principal

As novas promocións de Enfermaría e Nutrición Humana e Dietética celebran este venres os seus actos de graduación

As novas promocións de titulados nos graos de Enfermaría e Nutrición Humana e Dietética no campus de Lugo da USC celebrarán este venres os seus respectivos actos de graduación. A sesión que terá como protagonistas os preto de 60 mozos e mozas da promoción 2012-2016 de Enfermaría desenvolverase, a partir das 18.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, mentres que o acto de graduación da cuarta promoción do grao en Nutrición Humana e Dietética desenvolverase, a partir das 19.00 horas, na Facultade de Ciencias.

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo presidirá o acto de graduación dos novos enfermeiros e enfermeiras, que estarán apadriñados polo profesor na Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo Mario Rivas. A directora da Escola de Enfermaría de Lugo, Asunción Núñez Magdalena; a decana da Facultade de Enfermaría da USC, Ana Isabel Silveira; xerente da EOXI Lugo-Cervo Monforte, Ramón Ares Rico; a directora de Procesos da EOXI Lugo-Cervo Monforte, María Jesús Pérez, e a presidenta do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello, tamén participarán como relatores nesta sesión, durante a que a profesora María Consolación Pena Meilán ofrecerá un relatorio baixo o título ‘Imaxe social da Enfermaría’. A entrega de diplomas e insignias aos estudantes que completaron a formación de grao en Enfermaría ao longo dos últimos catro anos e un breve concerto a cargo da Coral do Hospital Universitario Lucus Agusti (Hula) servirán de colofón deste acto. Nutrición Humana e Dietética O acto de graduación da terceira promoción do grao en Nutrición Humana e Dietética citará este venres, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Ciencias de Lugo os 40 universitarios que completaron a súa formación de grao nos últimos catro nos, no marco dunha sesión que estará presidida pola vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva. O decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos; o deputado provincial Álvaro Santos, Manuel Fernández, concelleiro do Concello de Lugo, e un representante do Colexio Profesional de Dietistas e Nutricionistas de Galicia, tamén intervirán como relatores neste acto de graduación dos novos titulados, que estarán apadriñados polos profesores Beatriz Vázquez Belda e José Manuel Miranda.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2016.