O pensamento marxista e patrimonio e turismo cultural centran dous cursos da USC que comezan este mércores en Santiago
A Facultade de Filosofía e o Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela acubillarán este mércores, día 3 de setembro, a inauguración de dous novos cursos da Universidade de Verán 2014, cuxas temáticas versarán sobre a análise do pensamento marxista en relación co pensamento filosófico contemporáneo e sobre a difusión do patrimonio e do turismo cultural.
O curso Por-Vires de Marx, un programa dirixido polo profesor da USC Francisco Conde Soto, desenvolverase a partir das 10.00 horas, na Facultade de Filosofía da USC. O ex catedrático de Filosofía da Uned José María Ripalda abrirá a quenda de relatorios deste programa, a partir das 10.30 horas, cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘O optimismo de Marx’. Coñecer o deseño, a historia e a biodiversidade vexetal nos xardíns de Galicia, e o seu valor como patrimonio vivo para a promoción e o desenvolvemento do sector turístico é o obxectivo do curso de verán da USC ‘ Xardíns de Galicia: difusión do patrimonio e do turismo cultural’. As distintas sesións incluídas neste programa formativo e de divulgación, dirixido por María Jesús Sainz Osés e Carmen Salinero Corral, comezarán a desenvolverse este mércores, a partir das 9.30 horas, no Centro de Estudos Avanzados da USC. Carmen Salinero Corral, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, abrirá a quenda de relatorios cunha intervención sobre árbores e arbustos nos xardíns atlánticos, durante a que prestará un especial interese á camelia.