Presentación do proxecto ‘USC en Transición’
Co obxectivo de reducir a súa pegada e débeda ecolóxica, diminuír a súa dependencia enerxética e, en definitiva, desenvolver unha maior resiliencia no contexto de crise ambiental actual, a USC porá en marcha o proxecto ‘USC en Transición’, pioneiro nas universidades españolas. As principais características do proxecto describiranas o vindeiro luns, día 4 de abril, en rolda de prensa o reitor Juan Casares, a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, María Teresa Barral. O encontro cos medios comezará ás 11:30 horas e terá lugar na Sala de Prensa do Colexio de San Xerome. Nesta presentación estarán presentes ademais, a integrante do grupo de investigación en Pedagoxía Social Educación Ambiental da USC (SEPA), a profesora Lucia Iglesias da Cunha; o educador ambiental e membro da SEPA e da Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGAE), Miguel Pardellas; o secretario da Fundación Ecoloxista Galega, Tino Quintela; e a bolseira de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) da Facultade de Dereito, Cristina Rivas.
O proxecto toma o seu nome das coñecidas como ‘comunidades en transición’, movemento iniciado en Irlanda e logo estendido a Inglaterra a comezos do ano 2005. A súa motivación era dotar de control ás comunidades para soportar o dobre desafío do cambio climático e as limitación no acceso aos recursos enerxéticos.