Ir o contido principal

Profesionais de toda España recibirán na Universidade formación especializada en linfomas

De esquerda a dereita, Julio García Comesaña, Antonio López e José Luis Bello López, na presentación do mestrado. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Julio García Comesaña, Antonio López e José Luis Bello López, na presentación do mestrado. FOTO: Santi Alvite
Cada ano diagnostícanse en España máis de 18.000 novos casos de neoplasias linfoides, cuxa abordaxe require un elevado nivel de especialización
Santiago de Compostela

Cada ano diagnostícanse en España máis de 18.000 novos casos de neoplasias linfoides, un tipo de cancro que afecta aos ganglios linfáticos e que conta como principais subtipos cos linfomas non Hodgkin, as leucemias linfoides e a enfermidade ou linfoma de Hodgkin. A abordaxe correcta destas patoloxías require un profundo coñecemento destas enfermidades e un elevado nivel de especialización, un campo que presenta na actualidade importantes aspectos de mellora na sanidade española. Por iso resulta especialmente relevante xerar novas oportunidades de formación especializada neste ámbito terapéutico, en beneficio dos pacientes. Este é o principal obxectivo da posta en marcha do Máster Interuniversitario sobre Neoplasias Linfoides da USC e da Universidade de Murcia, presentado este mércores no Centro de Estudos Avanzados nun acto presidido polo reitor Antonio López que contou coa presenza do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña.

Antonio López subliñou que o desenvolvemento deste máster pon en evidencia non só a capacidade da Universidade para facer fronte a demandas concretas en contornas de alta especialización, nesta ocasión no ámbito das Ciencias da Saúde, senón tamén o beneficio social da cooperación coa contorna empresarial, así como con outras universidades. “Non cabe dúbida, de que poñer ao dispor dos profesionais os últimos coñecementos en materia de linfomas redundará de maneira directa nunha mellor atención dos pacientes, así como na calidade asistencial do sistema sanitario. Para nós é unha responsabilidade e unha obrigación liderar xunto coa Universidade de Murcia esta proposta formativa con proxección para toda España”, engadiu o reitor.

O conselleiro de Sanidade, pola súa parte, afirmou que resulta de vital importancia seguir impulsando desde todas as administracións e axentes sociais este tipo de formación especializada en patoloxías de complexa abordaxe como as neoplasias linfoides. “Non podemos nin debemos esquecernos do elevado nivel de especialización que se necesita para o seu diagnóstico e tratamento, un nivel de especialización que redundará sen dúbida en beneficio dos nosos pacientes, aos que temos o deber de garantir a máxima calidade asistencial”, indicou. De fronte ao futuro, a Consellaría ten como retos elaborar un Plan Galego de Oncoloxía para axilizar o itinerario de visitas e o diagnóstico, e incluír novas terapias avanzadas, poñendo en marcha un Centro de Terapia CAR- T en Galicia. “Sen dúbida, para poder afrontar ese futuro necesitamos este tipo de formación de posgrao de vangarda. Galicia conta con especialistas de primeiro nivel e con institucións académicas de gran calidade docente como a Universidade de Santiago. Iso permítenos ser a sede deste innovador Máster e iso permitiranos aproveitar o coñecemento aquí xerado para a mellora da atención a estas patoloxías no noso sistema sanitario”, concluíu.

Tratamentos e técnicas diagnósticas

Este curso de posgrao cursarano uns 65 especialistas que desenvolven a súa actividade en hospitais de toda España. En concreto, participarán na docencia 37 profesores de trece universidades, iniciando un proxecto de colaboración interuniversitario paradigmático nesta liña do coñecemento, integrando ademais a colaboración coa industria. O máster persegue como obxectivo proporcionar ao alumnado unha perspectiva global das patoloxías neoplásicas linfoides, así como un coñecemento profundo das novas técnicas de diagnóstico e das liñas actuais de tratamento con medicamentos dirixidos ás alteracións moleculares, do desenvolvemento de terapias inmunolóxicas innovadoras con anticorpos monoclonais mono ou biespecíficos, así como da terapia celular tipo CAR-T ou NK.

O director do Máster e xefe do Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, José Luis Bello López, resaltou a importancia deste proxecto de colaboración interuniversitaria e cooperación público-privada. “En momentos de crises, a colaboración e a formación son elementos fundamentais para a superación dos desafíos que se nos expoñen”, sinalou. Por outra banda, Belo considera que, aínda que é certo que os hematólogos españois están moi ben formados, este tipo de cursos de posgrao resultan esenciais en ámbitos terapéuticos como este, onde a formación continuada é imprescindible ao rexistrarse de forma continua importantes avances tanto en tratamentos como en ferramentas diagnósticas. “Só mediante a adquisición de coñecementos actualizados como os que ofrecen este tipo de formacións estaremos en condicións de ofrecer aos nosos pacientes unha abordaxe da máxima calidade asistencial baseado nun enfoque de oncoloxía de precisión e medicina personalizada”, engadiu. A todo iso súmase, como outro dos aspectos para resaltar a xuízo do director do Máster, a posibilidade de abrir novas liñas de investigación no campo das neoplasias linfoides a partir dos coñecementos adquiridos nesta formación.

Formación con impacto

Pola súa banda, a responsable médico de Oncoloxía e Hematoloxía de Roche Farma España, María Dolores Ferrández Ortiz, destacou que a compañía está profundamente implicada na formación continuada dos profesionais da máxima calidade, un aspecto que debe ser unha prioridade para todos os axentes implicados na asistencia sanitaria, como as administracións sanitarias, os servizos de saúde, as institucións académicas e a propia industria farmacéutica, que constitúe unha peza crave neste ámbito. “Non cabe dúbida de que o noso sector desempeña un papel crave para lograr, en colaboración co resto dos axentes implicados, unha formación continuada da máxima calidade e rigor científico para os nosos profesionais sanitarios. Neste contexto, proxectos de colaboración público-privada como este Máster márcannos a liña para seguir traballando, entre todos, por un sistema sanitario da máxima calidade”, apuntou.

Investimento en Galicia

A cada vez maior complexidade das opcións terapéuticas e diagnósticas, o novo paradigma que supón o avance da medicina personalizada e os rápidos progresos que se están rexistrando no ámbito da investigación fan que este tipo de formacións de posgrao para os especialistas se convertan en “absolutamente imprescindibles” para seguir ofrecendo aos pacientes a mellor abordaxe para a súa enfermidade. “É por iso que dende Roche seguiremos traballando para garantir esta formación de calidade en hematoloxía, da mesma maneira que, de forma paralela, apoiamos decididamente a investigación nesta área terapéutica. Así, dende o punto de vista da investigación clínica, en 2019 en Galicia puxemos en marcha 67 ensaios clínicos de Roche/Genentech, con 22 moléculas e 286 pacientes incluídos, maioritariamente en oncoloxía, aínda que tamén en hematoloxía e Sistema Nervioso Central, cun investimento de 2,5 millóns de euros", concluíu.

Foto de familia no acto de presentación do máster. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia no acto de presentación do máster. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2020.