Ir o contido principal

O profesor Gonzalo Fernández Suárez renova o seu mandato como decano da Facultade de Humanidades

Gonzalo Francisco Fernández Suárez, diante da Facultade de Humanidades da USC
Gonzalo Francisco Fernández Suárez, diante da Facultade de Humanidades da USC
Os docentes Miguel González Pereira e Miriam Elena Cortés López completan un equipo de dirección do centro universitario lugués que ten como prioridades o “asentamento” do grao en Xestión Cultural no mapa de titulacións universitarias e a súa progresiva internacionalización
Lugo

O profesor da área de Ciencias e Técnicas Historiográficas do Departamento de Historia da USC Gonzalo Francisco Fernández Suárez, vén de renovar o seu mandato como decano da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC. O profesor da área de Lingüística Xeral Miguel González Pereira, en calidade de vicedecano, e a tamén docente da área de Historia da Arte Miriam Elena Cortés López, continúan tamén como membros dun equipo de goberno que recibiu o apoio de máis do 77% das 22 persoas que participaron nas votacións celebradas o mércores 11 de outubro.

O “asentamento do grao en Xestión Cultural no actual mapa de titulacións universitarias constitúe a nosa principal prioridade para o novo mandato”, afirma o decano Gonzalo Francisco Fernández Suárez, que recoñece a necesidade de seguir a traballar a prol da promoción e de dar a coñecer este itinerario formativo ao maior número de persoas posible, a fin de incrementar as estatísticas de matrícula.

“O grao en Xestión Cultural é un título de futuro e con futuro”, afirma Fernández Suárez, que xustifica este convencemento na progresiva profesionalización da cultura, a través da figura de xestores e xestoras culturais, cara a que apuntan as últimas normativas promulgadas ao respecto. Daquela, engade o decano da Facultade de Humanidades, “o grao en Xestión Cultural é un título que ofrece moitas posibilidades de empregabilidade no sector da industria cultural”.

Alén da promoción do título en Xestión Cultural, Fernández Suárez tamén adiantou a vontade do seu equipo de dirección de traballar a prol da internacionalización deste grao, a través da sinatura de convenios de acordos con outras universidades de Portugal, Francia e Italia nas que se imparten títulos con plans de estudo nos que se advirte unha gran afinidade temática e de coincidencia de contidos.

Outras das fortalezas que presenta  a formación universitaria en Xestión Cultural, xa sexa no seu título de grao xa sexa a través do mestrado en Servizos Culturais, atinxe á capacidade de espertar interese e captar alumnado a través de catro vías diferentes: As persoas que concorren as probas de acceso á universidade (Abau), estudantes que proceden de ciclos formativos de FP, profesionais en exercicio e outros titulados.

O decano da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, un centro que ao longo do curso 2024-25 conxugará previsiblemente a oferta presencial e virtual do grao en Xestión Cultural coa modalidade híbrida do se mestrado en Servizos Culturais, apuntou tamén a necesidade de ampliar e optimizar as competencias do persoal docente e investigador do centro, a través da organización de diversas actividades formativas, xa a demanda ou ben por tratarse de programas ofertados pola propia USC.

A estabilización e, se cabe, o incremento do número de persoal docente investigador adscrito á Facultade de Humanidades e a mellora de dotacións e recursos materiais apropiados para o desenvolvemento das tarefas docentes e tamén das distintas liñas de investigación existentes, constitúen outros dos cometidos do equipo decanal do centro universitario lugués.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.10.2023.