Ir o contido principal

A profesora Silvia Moscoso Ruibal tomou posesión como decana de Relacións Laborais

O novo equipo decanal xunto co reitor. Foto: Servimav-USC
O novo equipo decanal xunto co reitor. Foto: Servimav-USC

O reitor Juan Viaño presidiu este martes 15 a toma de posesión da profesora Silvia Moscoso Ruibal como decana da Facultade de Relacións Laborais nunha sesión protocolaria no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. A profesora Moscoso Ruibal pertenza á área de Psicoloxía Organizacional, Xurídica Forense e Metodoloxía das Ciencias do Comportamento. Completarán o equipo decanal José Joaquín Vidal Portabales, como vicedecano, e María Bastida Domínguez na secretaría.

No seu discurso de toma de posesión, Silvia Moscoso reivindicou entre as súas prioridades máis inmediatas a creación dun laboratorio de investigación en recursos humanos, traballo e xénero así como a posta en marcha dun programa de doutoramento en recursos humanos e relacións laborais. A decana tamén aproveitou o seu discurso para reivindicar o valor das ciencias sociais en xeral, e particularmente das titulacións impartidas na Facultade de Relacións Laborais, pola súa contribución ao avance da ciencia e ao desenvolvemento da sociedade.

Moscoso Ruibal destacou o perfil singular do alumnado de Relacións Laborais pola multidisciplinariedade da súa capacitación e a súa particular adecuación ao mercado laboral. Nas sondaxes periódicas realizadas polo centro entre titulados/as de máster , un 75% das persoas consultadas atoparon traballo pouco despois da finalización dos seus estudos e destes, un 90% na temática propia do título.

Pola súa banda, o reitor subliñou que “aínda que a Facultade de Relacións Laborais é unha das máis pequenas da USC, é tamén unha das que máis posibilidades de expansión ten. Proba diso é a impartición do dobre grao de Dereito e Relacións Laborais, un proxecto pioneiro na nosa universidade que logrou atraer aos 20 mellores expedientes interesados en facer estas dúas disciplinas”. O dobre grao, o grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos e o Máster Universitario en Xestión e Dirección Laboral suman cada ano na USC case 700 estudantes.

Silvia Moscoso Ruibal
Silvia Moscoso Ruibal é profesora de Psicoloxía do Traballo na USC dende 2008 e profesora convidada na Brunel University London. Coordina o Máster Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral dende 2014 e co dirixe o Máster propio en Xestión de Recursos Humanos nas Organizacións.

Ten publicado arredor de medio cento de traballos, incluíndo artigos en revistas como Journal of Applied Psychology, Personnel Psychology, International Journal of Selection and Assessment, European Journal of Work and Organizational Psychology ou o European Journal of Personality, así como a coautoría de varios libros e capítulos de libros publicados en España e no estranxeiro.

Ademais foi investigadora principal e colaboradora en varios proxectos de investigación do Plan Nacional de I+D. É editora asociada do Journal of Work and Organizational Psychology e membro do comité científico do Journal of Occupational and Organizational Psychology e do International Journal of Selection and Assessment. Tamén foi coordinadora adxunta da ANEP para a área de Psicoloxía entre os anos 2012 e 2015 e pertence a varias sociedades científicas como a American Psychological Association, a Society of Industrial and Organizational Psychology ou a European Associaton of Work and Organizational Psychology.

Primeiro premio na modalidade de investigación da sexta edición dos premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC xunto coa profesora Maria Bastida.

Silvia Moscoso Ruibal é profesora de Psicoloxía do Traballo. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.12.2015.